Ir o contido principal
STG

A investigadora da USC María Loureiro participará en Texas nunha xornada do Centro de Excelencia da Unión Europea

Na xuntanza, expertos de todo o mundo abordarán as consecuencias dos cambios das dietas alimentarias e os seus impactos na saúde

A doutora María Loureiro, galardoada recentemente na categoría de investigadores mozos do Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social, pronunciará o vindeiro 20 de abril na Universidade A&M de Texas unha conferencia sobre os custos económicos que implican os cambios nas dietas alimentarias estadounidenses e europeas.
A charla desta investigadora enmárcase na xornada ‘Seguridade alimentaria, saúde e dieta: Cambios transatlánticos’ que organiza o Centro de Excelencia da Unión Europea e na que expertos de todo o mundo abordarán dende distintos ángulos as consecuencias dos cambios das dietas alimentarias e os seus impactos na saúde.
María Luz LoureiroA investigadora María Luz Loureiro García traballa na actualidade no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia da USC cun contrato Ramón y Cajal. Licenciada en grao en Ciencias Económicas pola USC, ao remate da carreira obtivo unha bolsa de estudos de posgrao da Fundación Caixa Galicia coa que cursou un máster en economía agraria e medioambiental na Universidade de Washington, na que se incorporou como bolseira e onde realizou o doutoramento. En 2000 acadou o grao de doutora coa tese ‘Collective reputation & labeling’.
María Luz Loureiro foi profesora na Universidade de Colorado entre os anos 2000 e 2003 de materias relacionadas coa economía agraria e medioambiental e realizou ademais unha estadía como profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid. Posteriormente foi nomeada investigadora titular no Instituto Noruego de Investigacións Agrarias, en Oslo.
Publicou numerosos artigos sobre os recursos agrarios, abordando temas como o sector gandeiro, as enerxías renovables, o agroturismo ou as consecuencias económicas das perdas ambientais causadas polos verquidos do Prestige. A problemática dos recursos en Galicia causados por catástrofes mariñas e por incendios centra actualmente o seu traballo, sendo a investigadora principal de tres proxectos relacionados con esta cuestión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2007.