Ir o contido principal
STG

Investigadoras do CRETUS da USC participan no proxecto europeo Nutritive, de xestión eficiente e sostible dos xurros

O equipo do CRETUS na xornada
O equipo do CRETUS na xornada
A xornada de arranque do proxecto está a ter lugar na vila luguesa de Vilalba

A actividade gandeira supón una preocupación ambiental cada vez maior xa que é unha fonte importante de contaminantes do aire, o solo e a auga, sendo responsable de máis do 15 % das emisións totais de gases de efecto invernadoiro da UE e un factor clave da perda de biodiversidade en Europa. Un dos aspectos que causan unha maior preocupación é a xestión dos xurros e a falla de medidas e políticas específicas.

Para facer fronte aos retos existentes neste ámbito en Europa, xurde o proxecto NUTRITIVE, para o desenvolvemento dunha ferramenta de toma de decisións capaz de definir a estratexia de xestión do esterco máis eficiente e sostible para unha determinada explotación gandeira. A USC é unha das socias deste proxecto, a través dun equipo de investigadoras do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) do departamento de Enxeñaría Química pertencentes ao grupo de Biotecnoloxía Ambiental.

Cun financiamento de sete millóns de euros da Unión Europea a través do programa Horizon Europe, Nutritive terá en conta aspectos medioambientais, económicos e sociais de cara a minimizar as emisións atmosféricas e garantir a calidade do solo e da auga. Os resultados obtidos permitirán formular directrices e recomendacións técnicas enfocadas ao desenvolvemento das próximas políticas europeas en materia de xestión de xurros.

O proxecto Nutritive arrancou este luns na vila luguesa de Vilalba nunha primeira xuntanza que presidiu a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e á que acudiron  máis de 50 persoas entre gandeiros e gandeiras e representantes do sector agroalimentario, centros de investigación, da administración pública, empresas tecnolóxicas e inversores.

A USC en Nutritive
Este ambicioso proxecto, coordinado pola consultora luguesa Medrar Innovation Office S.L, reúne un consorcio formado por 18 entidades europeas e 4 chinas. A participación da USC está representada por investigadoras de CRETUS, que farán fronte a tres tarefas concretas.

Por una banda, a profesora Sara González-García, investigadora principal do proxecto por parte da USC, coordinará xunto co catedrático Gumersindo Feijoo a análise da sostibilidade das diversas estratexias e tecnoloxías de xestión de xurros para demostrar os seus beneficios. Prestarase especial atención a analizar o futuro da xestión dos xurros a longo prazo tendo en conta variacións temporais que poidan afectar a implantación de tecnoloxías noveis ou emerxentes, considerando aspectos como previsións de produción, avances tecnolóxicos e científicos, cambios socioeconómicos e climáticos e aspectos socio-políticos.

Outra das actividades que lidera a USC é a da eliminación de contaminantes emerxentes durante o tratamento de xurros, que serán coordinadas pola profesora Marta Carballa, xunto coa participación da investigadora Ramón y Cajal Sabela Balboa. Este equipo avaliará diferentes estratexias para maximizar a eliminación de antibióticos e patóxenos e a redución de bacterias e xenes resistentes aos antibióticos durante a dixestión anaerobia de xurros. Estas estratexias basearanse tanto en modificacións de temperatura como na utilización de diferentes tecnoloxías de reactores con e sen a suplementación de diferentes aditivos.

Por último, a eliminación e recuperación de nitróxeno presente en xurros será obxecto do traballo da catedrática Anuska Mosquera que, xunto coa investigadora posdoutoral Alba Pedrouso e a profesora Ángeles Val, centrarán as súas actividades  na eliminación de nitróxeno cando a produción de xurro non permita a súa xestión como fertilizante, empregando procesos autótrofos que non precisan materia orgánica e que por tanto poderá valorizarse para producir biogás (metano) e obter enerxía. Así mesmo, a recuperación de nitróxeno levarase a cabo mediante a produción de biomasa bacteriana de bacterias fotótrofas púrpura con elevado contido en nitróxeno e por tanto potencial uso como fertilizante.   

Ademais da USC e Medrar, Galicia está representada no proxecto polo Grupo Aresa (Lugo) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Cabe destacar que Nutritive foi una proposta elaborada polas investigadoras egresadas de CRETUS Lucía Argiz e Leticia Regueiro, que actualmente están traballando na coordinadora Medrar.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.