Tres investigadoras da USC, distinguidas cos premios Entre Mulleres do Concello de Lugo
. O Concello de Lugo outorgou os premios Entre Mulleres 2024 ás investigadoras do Campus de Lugo Esperanza Álvarez, Rosa Romero e Alba Díaz polas súas distintas contribucións a prol da igualdade. Con esta distinción, que nesta edición tamén recaeu na investigadora Cintia Folgueira, “o Concello de Lugo pon en valor mulleres brillantes e talentosas que lideran proxectos que contribúen de forma substancial a transformar a nosa sociedade. Desde a enxeñería ata a historia, pasando pola edafoloxía e a bioloxía”.
“Estas mulleres non só están a enriquecer o noso coñecemento colectivo, senón que tamén inspiran a xeracións futuras de nenas e mozas lucenses a seguir os seus pasos», sinalou a rexedora Paula Alvarellos, no marco dunha emotiva sesión celebrada no Salón de Plenos do consistorio lugués.
O feito de que as mulleres galardoadas cos premios Entre Mulleres do Concello de Lugo sexan figuras destacadas en distintos ámbitos científicos tamén foi salientado no transcurso dunha sesión que tamén serviu par dar voz a todas as mulleres científicas silenciadas ao longo da historia.
A catedrática Esperanza Álvarez Rodríguez lembrou na súa intervención “as miradas de superioridade dos máis rancios” que tivo que soportar cando se incorporou á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde hoxe “hai dúas mulleres catedráticas por 12 homes”. “Queda moito por avanzar”, dixo Álvarez, quen tamén defendeu a pertinencia dos títulos de grao e mestrado impartidos neste centro universitario do Campus Terra pola súa contribución á sustentabilidade do sector primario.
A profesora Rosa Romero, a primeira muller que accede á dirección da EPS de Enxeñaría da USC, puxo o foco na docencia, que é o que “máis me reconforta”. Agradecida polo recoñecemento, Romero non dubidou en dicir que, alén da ciencia e da investigación, “en Lugo tamén hai mulleres referentes en política e empresa”.
A investigadora especialista en sindicalismo agrario do tardofranquismo Alba Díaz Geada, lembrou que a efeméride do Día da Muller acordouse en homenaxe ás mulleres rusas que en 1917 se puxeron en folga para pedir “paz e pan”. Díaz Geada, contratada na actualidade a través do programa Ramón y Cajal, tamén tivo palabras de agradecemento para o Campus Terra da USC por incorporar a historia do mundo rural ás súas liñas de traballo.