Ir o contido principal
STG

Investigadores alxerianos visitan o Campus de Lugo interesados en coñecer tecnoloxías alimentarias e de cultivos agronómicos

Montserrat Valcárcel, no centro, cos investigadores alxerianos convidados por Xan Neira e Jesús Varela Zapata, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Montserrat Valcárcel, no centro, cos investigadores alxerianos convidados por Xan Neira e Jesús Varela Zapata, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Valcárcel e Zapata ofrecen unha recepción ao profesor da Universidade Abdel Hamid ben Badis de Alxeria Djamel Labdaou, convidado á USC por Xan Neira Seijo
Lugo

O profesor da Universidade Abdel Hamid ben Badis de Alxeria Djamel Labdaou, que está a completar unha estadía no Campus de Lugo da USC convidado polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría Xan Neira Seijo, participou este venres nunha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, no marco dunha sesión na que trasladou á vicerreitora Montserrat Valcárcel e ao adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos na sede universitaria luguesa, Jesús Varela Zapata, o seu interese por establecer liñas de colaboración científica no eido das tecnoloxías alimentarias e de cultivos agronómicos.

O investigador norteafricano Djamel Labdaou, que aproveitou a súa estadía en Lugo para visitar as instalacións científicas do Campus, así como para coñecer máis polo miúdo algunha das súas liñas de investigación, ademais de para participar en diversas actividades formativas e de divulgación, salientou o seu especial interese nas tecnoloxías alimentarias e de cultivos agronómicos.

Este investigador alxeriano destacou neste senso o potencial que presenta o Campus de Lugo da USC no eido agroalimentario, ao tempo que manifestou as súa vontade de traballar a prol de futuras colaboracións científicas entre a universidade alxeriana e a USC.

O profesor Xan Neira tamén considerou de grande interese para o Campus de Lugo a posibilidade de contar con información agronómica referida á area mediterránea, na que se se atopa Alxeria, dado que o manexo deste tipo de datos pode resultar de máxima utilidade no actual contexto de cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.