Investigadores, estudantes e profesores analizarán nunha conferencia internacional os métodos numéricos para as ecuacións hiperbólicas
A proxección internacional da investigación española na resolución numérica das ecuacións hiperbólicas. Este é un dos principais obxectivos que persegue a celebración en Santiago do congreso ‘Métodos numéricos para ecuacións hiperbólicas: Teoría e aplicacións’, que terá lugar na Facultade de Matemáticas entre o 4 e o 8 de xullo. O curso está dirixido tanto a estudantes que estean desenvolvendo teses doutorais como a investigadores consolidados e ten interese tamén para o persoal de empresas relacionadas cos departamentos de I+D que empreguen códigos de volumes finitos. De feito, a través destas xornadas verase como as ecuacións hiperbólicas están conectadas a usos industriais relevantes como se destacará na conferencia invitada do profesor Féderic Coquel da École Polytechnique de París. Este é un dos especialistas que participa no congreso realizado en honra ao profesor Eleuterio Toro, que no seu sesenta e cinco aniversario elixiu o noso país para a realización desta actividade que supón un recoñecemento internacional implícito aos seus colaboradores españois, segundo explica a docente da USC Elena Vázquez-Cendón. A profesora forma parte do comité organizador, no que atopa tamén o catedrático do campus compostelán Alfredo Bermúdez, ademais de membros doutras universidades españolas. O congreso virá precedido dun curso introdutorio, que se desenvolverá o sábado 2 pola tarde e o luns 4 pola mañá, con cinco relatorios. Pola súa banda, a xornada formativa en si constará de 9 conferencias plenarias, nas que participan Juan Cheng, do Institute of Applieda Physics anda Computational Mathematics de China, Philip L. Roe da University of Michigan e o propio Eleuterio Toro, da University of Trento. O programa complétase con sendas visitas ao Centro de Supercomputación de Galicia e ao grupo de traballo ‘Col’ da Universidade da Coruña, que cun grupo da USC, elabora un código de simulación de augas someras ‘Iber’. Para máis información sobre o congreso e a conferencia pódese consultar a web http://www.usc.es/en/congresos/nmhetatoro65/index.html.