Investigadores da USC premian cun portátil e cinco MP4 a participación nun proxecto sobre drogas e conduta antisocial
Membros da Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (UDIPRE) da USC sortearon un ordenador portátil e cinco MP4 entre os rapaces que participaron no proxecto titulado ‘Patróns persoais/ contextuais de vulnerabilidade, protección e prevención do consumo de drogas e a conduta antisocial en adolescentes inmigrantes e autóctonos’.
A entrega dos agasallos terá lugar este martes, día 1, ás 17:00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Psicoloxía. A catedrática Ángeles Luengo, responsable do traballo, presidirá o acto que pecha a fase de recollida de datos do proxecto. Luengo explica que a iniciativa “pretende agradecer e incentivar a participación no estudo”.
A investigación ten como finalidade principal analizar o proceso de integración dos inmigrantes máis novos na nosa sociedade e as variables que facilitan ou dificultan a súa adaptación. O traballo permitirá coñecer as súas condutas de risco de consumo de drogas e conduta antisocial e axustar os programas de prevención tanto no eido familiar como no escolar, para responder ás necesidades específicas destas poboacións.
Un total de cincuenta estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria colaboraron no desenvolvemento do proxecto a través dunha entrevista persoal. Os participantes, pertencentes a distintos centros escolares das provincias de A Coruña e Pontevedra, accederon a dar información voluntariamente co consentimento dos seus pais ou titores, tamén partícipes no proxecto.
O equipo UDIPRE sorteou os agasallos ante notario. Os premios entregaranse seguindo a orde de extracción das papeletas, de tal forma que á primeira que se sacou correspóndelle o ordenador portátil.