Ir o contido principal
STG

Investigadores da USC e da Universidade de Nápoles, á fronte dunha acción COST que estudará a UE como unha rede de comercio en evolución

De esquerda a dereita, Carlos J.  Ricoy, Trinidad Méndez, Luis Miguel Varela e Jesús Carrete
De esquerda a dereita, Carlos J. Ricoy, Trinidad Méndez, Luis Miguel Varela e Jesús Carrete

Unha rede interdisciplinar que combina novos enfoques de economía con avanzados métodos físico-matemáticos e computacionais para analizar sistemas complexos e non lineares vai traballar no desenvolvemento dun modelo sofisticado da UE, visualizada como unha rede de comercio en evolución cunha topoloxía específica determinada polo número e fortalezas dos vínculos nacionais, rexionais e locais. O traballo deste grupo internacional estará xestionado dende Santiago polo profesor da USC Luis Miguel Varela, do Departamento de Física da Materia Condensada, e coordinado polo profesor Pasquale Commendatore da Universitá Federico II. Deste xeito, a Universidade de Santiago, xunto coa Università degli Studi di Napoli Federico II, é por primeira vez entidade coordinadora dunha subvención dentro do Programa COST (European Cooperation in Science and Technology) da European Science Foundation. Estas accións perseguen o financiamento de redes de cooperación de investigadores e científicos en Europa. Co título ‘The EU in the new complex geography of economic systems: models, tools and policy evaluation’, conforman a rede 27 institucións, principalmente universidades e institutos de investigación, de 18 países distintos. Por parte da USC tamén participan o profesor Carlos Ricoy do Departamento de Fundamentos da Análise Económica, e Jesús Carrete Montaña e Trinidad Méndez Morales, contratados FPU do Departamento de Física da Materia Condensada. O equipo contará cun financiamento de 130.000€ para o primeiro ano de traballo, que inicialmente se estenderá ata xuño de 2013, prorrogable por un máximo de catro anos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2012.