Un itinerario pola Galicia dos anos 20 a través da ollada de Ruth Matilda Anderson

Do 21 de xuño ao 29 de xullo a Igrexa da Universidade abeirará a mostra 'Fragmentos de onte', unha exposición que parte do legado fotográfico de Ruth Matilda Anderson para tecer un itinerario pola Galicia dos anos 20 do século pasado. Promovida por Bodegas Martín Códax en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, a mostra conta co apoio da USC.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu o acto inaugural que se desenvolveu este mércores 21 na Igrexa da Universidade, e que contou coas intervencións de Xoan Antonio Allegue López, presidente de Martín Códax, e Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela. Ao finalizar o acto tivo lugar unha visita guiada pola exposición da man da asociación Sete Espadelas.
Entre 1924 e 1926, Archer Milton, fundador da Hispanic Society of America de Nueva York, enviou a Ruth Matilda Anderson a Galicia en varias expedicións, para recoller todo o material etnográfico que estaba a piques de perderse: vestiario, oficios, festas, costumes, feiras, tradición. A partir dos retratos da fotógrafa americana, a exposición presenta unha ampla escolma de pezas de roupa (moitas delas antigas ou reproducidas a partir de padróns e tecidos da época) e tamén aparellos de labranza, obxectos do fogar e diferentes elementos orixinais do momento.
“Trátase dun rigoroso traballo de investigación co que se pretende reproducir, ante os ollos das persoas visitantes, o que viu Ruth Matilda cando chegou a Galicia da maneira máis exacta posible”, explican dende a organización. A mostra ofrece así unha viaxe no tempo, unha ollada á Galicia de cen anos atrás, coa que recuperar para a memoria oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, ou os traballos no mar e no campo. En definitiva, a cultura popular galega atravesada pola ollada de Ruth Matilda Anderson.
Visitas
A exposición poderá ser visitada libremente e sen necesidade de reserva de martes a venres de 17.30 a 20.30 horas, os sábados de 11.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os domingos de 11.00 a 14.30 horas. Ademais, todos os sábados ás 11.30 horas haberá visitas guiadas da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, que comisaría a Exposición, e as entradas deberán reservarse previamente na web da Adega Martín Códax.
