Ir o contido principal
STG

O IX curso de Cine e Valores estuda a problemática actual da adolescencia e a xuventude

Da concepción do cinema como un dos recursos máis potentes para achegar outros mundos e aproveitalo como instrumento para a educación integral da persoa xurdiu a idea de desenvolver na USC o Curso de cine e valores, que chega á súa novena edición. O prazo de matrícula remata o 5 de novembro. Organizado polo Servizo de Participación e Integración Universitaria en colaboración con Mans Unidas, o curso desenvolverase os días 9, 10, 16 e 17 de novembro na Facultade de Matemáticas. Será o profesor de Cine da USC José María Folgar quen inaugure estas xornadas, que contarán cun relatorio de Isabel Sempere. Ademais de numerosos obradoiros proxectaranse as cintas ‘O truco do manco’, de Santiago Zanou; ‘A ola’, de Dennis Gansel; ‘Escóitame’, de Mabel Lozano; ‘Matar un ruiseñor’, de Robert Mulligan, ‘Juno’, de Jason Reitman; e ‘Barrio’, de León de Aranoa. O curso, recoñecido cun crédito optativo para os graos e con outro de libre configuración para as licenciaturas e como curso de formación de profesorado, está pensado para a formación persoal, pero tamén para a aplicación práctica na educación formal e non formal con adolescentes. Trátase de facilitar autocoñecemento, empatía, recoñecemento e afirmación de valores universais, diálogo e xeración de espírito crítico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2012.