Ir o contido principal
STG

Jesús Salgado Velo, elixido decano da Facultade de Relacións Laborais

O programa do profesor Velo contempla accións específicas no eido da xestión, así como outras dirixidas aos diferentes colectivos que integran a comunidade do centro. FOTO: Santi Alvite
O programa do profesor Velo contempla accións específicas no eido da xestión, así como outras dirixidas aos diferentes colectivos que integran a comunidade do centro. FOTO: Santi Alvite
O catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC obtivo 19 votos a favor nas eleccións que se desenvolveron este venres 24
Santiago de Compostela

Incrementar a visibilidade da Facultade de Relacións Laborais, profundar nos vínculos do centro a nivel estatal e internacional ou fomentar a creación de novos grupos de investigación serán algunhas das liñas mestras coas que o profesor Jesús Salgado Velo encara os vindeiros catro anos á fronte do decanato do centro. O catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC obtivo 19 votos a favor e 1 voto en branco nos comicios que se desenvolveron este venres 24. 

Salgado Velo tamén aspira a crear unha comisión para o estudo, revisión e modificación, se procede, do contido do título de grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos e do dobre grao en Relacións Laborais e Dereito, alén de organizar actividades de extensión universitaria e divulgación científica, tanto para o profesorado como para alumnado actual e antigo. Potenciar o Programa de Doutoramento Interuniversitario en Relacións Laborais e Recursos Humanos que coordina a Facultade, “aumentando o número de doutores e o número de estudantes doutorais propios”, será outra das metas a perseguir neste novo mandato. 

O programa do profesor Velo contempla tamén accións específicas no eido da xestión, así como outras dirixidas aos diferentes colectivos que integran a comunidade do centro, entre elas, “sensibilizar o estudantado en actitudes e valores éticos e de sensibilidade medio-ambiental”.

Currículo

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu en outubro deste ano, coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, a dilatada traxectoria investigadora do profesor Salgado Velo, quen tamén resultou galardoado en 2022 co Premio Nacional de Psicoloxía ‘José Luis Pinillos’. Ademais, o catedrático da USC lidera o grupo de investigación en Recursos Humanos e Rendemento.

Os seus principais temas de investigación inclúen a predición do desempeño no traballo a través de variables de diferenzas individuais, o uso de ferramentas psicolóxicas nos procesos de selección de persoal e o estudo de factores determinantes do benestar no traballo. Tamén desenvolveu investigacións cross-culturais, empregando evidencia empírica obtida en organizacións laborais dos cinco continentes. Algúns dos seus artigos metodolóxicos foron empregados en investigacións de disciplinas tan dispares como nutrición, epidemioloxía, criminoloxía, cambio climático, bioloxía termal, oftalmoloxía, lingüística, pediatría, tráfico e seguridade viaria e investigación sobre a enfermidade de Alzheimer.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2023.