José Ramón Lete inaugura o máster en Psicoloxía do deporte e da actividade física da USC
O Máster propio en Psicoloxía do deporte e da actividade física da USC inaugúrase este venres 27, ás 17.00 horas en Psicoloxía, nun acto presidido pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e no que o secretario de Estado para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, explicará o novo modelo político e de xestión do deporte español que está desenvolvendo dende o seu cargo no Goberno.
Na mesma sesión contarase coa intervención do director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, que falará tamén do seu proxecto, e de Antonio Reyes Sánchez Crespo, do Master en Organización de Servizos de Orientación, que ofrecerá unha serie de recomendacións para a presentación de traballos fin de máster.
Esta terceira edición do máster que dirixe o profesor Constantino Arce recibiu na última enquisa de calidade unha avaliación media do seu alumnado de 4,82 nunha escala de 1 a 5. O posgrao proporciona coñecemento teórico e práctico nunha área na que aínda existen escasas posibilidades de formación universitaria. Así, o máster contempla tres das vías principais de formación polas que se require a incorporación da psicoloxía ao entorno deportivo e que son o asesoramento psicolóxico a adestradores e técnicos do deporte de base, a preparación psicolóxica dos deportistas e adestradores para o alto rendemento e o fomento da actividade física como hábito de saúde preventivo e rehabilitador.
O máster consta de dous cursos académicos, en horario de fin de semana, de xeito que sexa compatible con calquera outra actividade académica ou profesional. O primeiro curso será fundamentalmente teórico, con clases na Facultade de Psicoloxía, e o segundo práctico na súa maioría, con posibilidade de realización de prácticas en múltiples entidades colaboradoras repartidas por toda Galicia: Deportivo de A Coruña, Celta de Vigo, Club de Baloncesto Obradoiro, Santiago Futsal, USC, Sociedad Deportiva Compostela, Club Deportivo Lugo, Ourense Club de Fútbol, e Porriño Industrial Club de Fútbol.