Ir o contido principal
STG

Juan Lema Rodicio recibe a Insignia de Ouro da Universidade no Día da Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Juan Lema nun momento da súa intervención. Foto Santi Alvite
Juan Lema nun momento da súa intervención. Foto Santi Alvite

O ex director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Juan Lema Rodicio, recibiu este xoves de mans do reitor Juan Casares a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago en agradecemento ao seu labor á fronte do centro, que axudou a poñer en marcha na USC. O acto de imposición revestiuse de emotividade xa que foi unha sorpresa para o homenaxeado, que asistía como convidado aos actos do Día da Escola descoñecendo o que lle tiñan preparado os seus compañeiros e compañeiras. Foron ademais testemuñas da entrega deste recoñecemento o actual director da ETSE, Antonio Mosquera; o presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez; o resto do equipo de dirección do centro e os directores dos Departamentos, que participaron en toda a xornada de celebración que comezou coa lectura da memoria actividades da Escola do pasado curso pola secretaria do centro, a profesora Purificación Cariñena Amigo. Na mesma cerimonia interveu o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo, para falar do futuro das enxeñarías ante a reforma da Lei de Servizos Profesionais. Os actos completáronse coa entrega dos premios extraordinarios de doutoramento e de fin de carreira tanto dos títulos como dos mestrados; aos mellores expedientes e traballos de fin de grao e mestrado e de fin de carreira; e os galardóns á calidade lingüística de traballos académicos. Tamén se recolleron os premios Leonardo á Docencia, á Docencia en Inglés, o Tecnocom ao mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática, Coremain ao mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática, Coremain ao mellor Proxecto Fin de Carreira en Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e o AGBAR-AQUAGEST ao mellor Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Ambiental. O reitor, no momento de impoñerlle a Insignia de Ouro ao profesor Lema.Foto Santi Alvite Juan Lema recibiu unha afectuosa ovación en recoñecemento a súa dedicación á escola. Foto Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2013.