Kevin Oliveira: “As prácticas extracurriculares foron moi enriquecedoras para a miña formación”
O estudante de dobre grao en Dereito e Relacións Laborais Kevin Oliveira Quiroga acaba de ser recoñecido co premio do Consello Social da USC ao estudante mellor valorado nas prácticas xestionadas por este órgano que rexe a participación da sociedade na Universidade. O premiado realizou en xuño as prácticas extracurriculares externas no despacho da avogada Ana María Varela Meizoso, sendo a súa titora na USC a profesora da Facultade de Dereito Natalia Pérez Rivas.
O premio está dotado con 1.500 euros e outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos das convocatorias de febreiro e setembro. A través deste recoñecemento, o Consello Social da USC quere impulsar a realización destas actividades, premiando a excelencia e o esforzo do alumnado no seu desempeño. A presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, fixo entrega do diploma acreditativo a Kevin Oliveira, quen amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento das prácticas, “un modo de aprendizaxe para ver o funcionamento do dereito e da práctica do dereito nun despacho que leva asuntos moi diversos”.
O estudante, que remata neste curso o dobre grao, considera que a experiencia “foi moi boa, as prácticas extracurriculares foron moi enriquecedoras para a miña formación e mesmo me influíron no desempeño no grao este curso”. Ademais, asegura que durante o desenvolvemento das prácticas “encontrei a miña vocación, quero opositar á carreira xudicial”.
O Consello Social da USC está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do estudantado mediante prácticas que se desenvolven en empresas e en institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela co tecido económico e institucional.