Ir o contido principal
STG

Klaus von Gadow, especialista en ecosistemas forestais, primeiro doutor honoris causa da USC a iniciativa do campus de Lugo

Valcárcel, Von Gadow, López e Álvarez, trala sesión de investidura do novo doutor honoris causa pola USC, na EPS de Enxeñaría de Lugo. Foto: Santi Alvite
Valcárcel, Von Gadow, López e Álvarez, trala sesión de investidura do novo doutor honoris causa pola USC, na EPS de Enxeñaría de Lugo. Foto: Santi Alvite
O profesor emérito da Universidade de Göttingen salienta o liderado da EPS de Enxeñaría no ámbito das Ciencias Forestais, no que “resulta difícil aplicar o concepto de sustentabilidade”
Lugo

O investigador en Ciencias Forestais e profesor emérito da Universidade de Göttingeng (Alemaña), Klaus von Gadow, vén de incorporarse este venres á nómina de doutores honoris causa da USC, coa singularidade que implica ser a primeira candidatura proposta desde o campus de Lugo que acada o máximo recoñecemento individual outorgado pola USC, logo dunha nutrida cerimonia protocolaria de investidura celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.

A EPS de Enxeñaría da USC, na que este investigador alemán completou unha estadía durante cinco meses a mediados da década dos anos 90 do pasado século XX, “foi un punto de inflexión na miña vida e na miña traxectoria científica, xa que me abriu numerosas colaboracións con colegas de España, Alemaña e México”, dixo o profesor Von Gadow, para logo expresar a súa satisfacción porque esta cerimonia se teña celebrado en Lugo, “un campus universitario que se ten convertido en líder internacional en varias áreas de investigación en ecosistemas forestais”, salientou no seu discurso de investidura nunha cerimonia académica presidida polo reitor da USC, Antonio López.

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Juan Gabriel Álvarez, quen logo dunha estreita colaboración de traballo e estudo co profesor Von Gadow xunto cos seus colegas na EPS de Enxeñaría da USC Roque Rodríguez e, entre outros, Alberto Rojo, actuou como padriño deste reputado investigador en ciencias forestais, salientou na súa intervención a importante contribución de Klaus von Gadow á consolidación dos estudos forestais e de Montes na sede universitaria luguesa.

“A estadía do profesor Von Gadow reforzou a determinación dos profesores da EPS de Enxeñaría de establecer redes de parcelas de observación dos ecosistemas forestais, cuxos retos son semellantes en todos os casos”, dixo Álvarez, para logo de destacar o vasto coñecemento deste investigador xermano no ámbito das ciencias forestais, salientar a paixón e a enerxía contaxiosa do novo doutor honoris causa da USC, ao que tamén atribúe o mérito de agromar grupos multi-disciplinares e impulsar e tecer así amplas redes globais de I+D+i en Ciencias Forestais.

O profesor Von Gadow lembrou na súa intervención que a metade da superficie habitable do planeta está utilizada para fins agrícolas, polo que os bosques representan o último refuxio no que aínda se poden atopar solos e augas subterráneas libres contaminación. Para manter a viabilidade a resilencia dos ecosistemas forestais é precisa unha xestión pro-activa ou, cando menos, prudente, advertiu o novo doutor honoris causa pola USC, quen tamén fixo fincapé na “dificultade da aplicación do concepto de sustentabilidade”.

Von Gadow sinalou tamén na súa intervención a súa preocupación polo uso extensivo dado á maioría dos bosques considerados primarios e aclamados con virxes, espazos sometidos polo uso e a explotación humana e, sobre todo, pola introdución de organismos en áreas alleas ao seu rango natural. Daquela, a novo doutor honoris causa da USC mantén que a maioría dos ecosistemas forestais contemporáneos son “novos”, forman unha gran parte da biosfera e teñen probabilidades dunha maior expansión. “Gran parte de Galicia está cuberta por estes novos ecosistemas antropoxénicos, o que require investigación para establecer un equilibrio entre a súa produtividade e a resilencia”, sentenciou.

Antonio López

O reitor da USC, Antonio López, tamén se referiu na súa intervención ás fondas ligazóns que mantén o profesor Von Gadow , “un especialista mundial no mundo das fragas”, coa EPS de Enxeñaría de Lugo desde hai xa máis de dúas décadas. Así, logo de sinalar algunha das súas achegas senlleiras froito das investigacións desenvolvidas desde a Península Ibérica ata China, México ou mesmo en Suráfrica, López, cualificou de “encaixa natural” a incorporación desde o Campus Terra ao Claustro de Doutores da USC dun “investigador eminente comprometido coa conservación e coa sustentabilidade dos ecosistemas”.

O reitor da USC sinalou tamén que os novos tempos reclaman una aliñamento decidido da Universidade como axente activo da mellora social a través da docencia, da investigación e da transferencia. Este compromiso forma parte da nosa responsabilidade social como universidade pública e debe servir para lograr a complicidade da cidadanía, o mellor aval para que os nosos gobernantes aposten tamén polo sistema universitario público como un investimento imprescindible e moi rendible para seguir avanzando cara a una sociedade máis xusta, plural, pacífica e inclusiva, rematou López.

O acto protocolario de investidura do profesor Klaus von Gadow como doutor honoris causa da USC congregou na EPS de Enxeñaría de Lugo unha ampla representación académica. Así, ademais dos membros que conforman o equipo de goberno da USC, tamén participaron neste acto un bo número de profesores e investigadores do campus de Lugo e da USC, así como unha nutrida representación de cargos e responsables políticos, directores de centros de investigación e decanos e directores de colexios profesionais.

López impón a medalla a Von Gadow, trala súa investidura como doutor honoris causa da USC. Foto: Santi Alvite Autoridades académicas e civís presentes na cerimonia. Foto: Santi Alvite A sesión celebrouse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Foto: Santi Alvite O reitor presidiu a sesión. Foto: Santi Alvite Juan Gabriel Álvarez impúxolle o birrete ao novo doutor honorífico da USC. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2020.