Ir o contido principal
STG

Landabaso urxe colaboración empresa-universidade no III Seminario Internacional Brasil, España, Portugal

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, inaugurou a terceira edición deste foro, que reúne ata o 7 de xuño no campus de Lugo preto de cen investigadores

O conselleiro de ciencia e tecnoloxía da Unión Europea para América Latina Ángel Landabaso Álvarez, fixo un chamamento á colaboración entre universidades e empresas para que xuntas desenvolvan e leven a cabo proxectos de cooperación cun país emerxente como é Brasil no eido das áreas das ciencias e das tecnoloxías, nas que “Galicia e España, aínda contan na actualidade cunha vantaxe relativa respecto do Brasil”

Landabaso fixo estas declaracións no transcurso do relatorio inaugural do III Seminario Internacional Brasil, España, Portugal (Sibep), unha feira de intercambio de coñecemento cita ata o venres 7 de xuño no campus de Lugo a preto dun centenar de estudantes, docentes e investigadores da Universidade de Santiago, da Universidade Federal de Viçosa, do Brasil, e do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal. Na súa intervención, Landabaso arengou aos promotores a abrir a próxima edición deste seminario ao tecido empresarial, porque “as universidades soas non poden desenvolver os proxectos de cooperación e desenvolvemento que precisa Brasil”, un país que, polo tamaño e a configuración semella un continente, ten experimentado unha profunda transformación e un enorme crecemento nos últimos vinte anos. Unha evolución, que, na opinión de Landabaso, responde a unha programación ben articulada, non conxuntural, e que está apoiada nunha forte inversión pública. “Estamos a falar dunha planificación seria ben diferente dos que defenden a baixada dos salarios como medida para mellorar a competitividade”, dixo. A cooperación das universidades convidadas a este foro e o establecemento de redes de colaboración e de transferencia de coñecemento entre os países da Península Ibérica e Brasil constitúe o obxectivo último desta nova edición dun foro internacional que chega por vez primeira á capital luguesa da man do Laboratorio do Territorio (Laborate) da USC, cuxo director, Rafael Crecente Maseda, liderou a organización do III Sibep. O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, inaugurou este mércores este seminario internacional na Casa do Saber, no transcurso dun acto de apertura no que tamén participaron o profesor da Universidade Federal de Viçosa José Ambrosio Ferreira; Orlando Rodrigues, profesor do Instituto Politécnico de Bragança; Enaile do Espírito Santo Iadanza, asesora da Secretaría Xeral da Presidencia da República de Brasil, e o investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, Rafael Crecente Maseda. A temática da terceira edición deste foro de coñecemento xirará a carón do territorio e os participantes abordarán ata o vindeiro 7 de xuño na Facultade de Humanidades de Lugo as diferentes dimensións de estudo e investigación xa existentes, ao tempo que explorarán novas oportunidades para afondar nas vías de colaboración e cooperación. A difusión das actividades e dos resultados obtidos polos investigadores e estudantes de grao e posgrao para identificar novas oportunidades de cooperación e participación entre as tres universidades, o impulso do interese pola investigación, innovación e o emprendemento no eido do territorio, e o debate e a conexión das distintas realidades (persoais, territoriais, institucionais...) nun contexto global en continua transformación constitúen algúns dos obxectivos deste programa. As comunicacións e os pósters que se darán a coñecer no transcurso deste seminario abordarán distintas áreas ligadas á dimensión territorial, tales como son as transformacións das paisaxe, a gobernanza dos riscos, o desenvolvemento rural, tecnoloxías e análise da información territorial, xestión das terras, planeamento urbano e territorial, xestión sostible de recursos naturais ou procesos e conflitos sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2013.