O legado de Luis A. Cordero, defensor da “ciencia moi viva” das matemáticas, recibe o tributo de USC e RAGC
“A coherencia do edificio matemático sempre provoca asombro, pero pensar ou facer crer que está acabado sería un erro dramático, xa que iso sería negar que as Matemáticas son unha ciencia e unha ciencia moi viva, unha dobre verdade moitas veces agachada”. Estas verbas do profesor Luis A. Cordero Rego foron lidas este mércores 31 pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, durante o acto de homenaxe organizado pola USC e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Falecido o pasado ano, o catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, Luis A. Cordero, era tamén académico numerario da RAGC.
Ademais de Elena Vázquez Cendón, presentaron o acto o presidente da Academia, Juan Lema; e o director do departamento de Matemáticas da USC, Antonio Gómez. No transcurso do mesmo participaron Juan J. Nieto, catedrático de Análise Matemática da USC e académico da RAGC; Manuel de León, profesor de investigación no Instituto de Ciencias Matemáticas do CSIC e académico correspondente da RAGC; e Eduardo García, catedrático de Xeometría e Topoloxía da USC. O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, clausurou o encontro.
Luís A. Cordero Rego (1946-2022)
Nacido na vila lucense de Guitiriz, doutor en Ciencias Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, Luís A. Cordero foi un profesor e investigador comprometido coas tres universidades nas que desenvolveu o seu traballo: Valladolid, La Laguna e a USC. Ao longo da súa traxectoria, desempeñou diversos cargos académicos, entre eles foi vicedecano da facultade de Matemáticas da USC, director do departamento de Xeometría e Topoloxía da USC, membro da Comisión Científica Asesora da Xunta de Galicia e director do Instituto Universitario de Matemáticas.
Realizou un intenso labor investigador no campo da xeometría diferencial, tema sobre o que publicou uns oitenta artigos de investigación en distintas revistas científicas. En 1988 publicou con Kit Dodson e Manuel de León Differential Geometry of Frame Bundles, editado en Holanda. Tamén dedicou a súa atención á xeometría dos espazos fibrados de referencias e á xeometría simpléctica e kähleriana.
Unha das súas grandes paixóns foi a Teoría de foliacións, á que fixo importantes contribucións, especialmente durante a súa estadía postdoutoral na Universidade de Harvard. Ademais, era un experto no procesador de textos matemáticos LaTeX e no programa de cálculo simbólico Mathematica.
Obtivo o Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra en 1987 e o da Real Academia Canaria de Ciencias en 1993. Ingresou como Académico Numerario na Real Academia Galega de Ciencias en 1979 e foi membro correspondente da Real Academia Canaria de Ciencias dende 1995.