Ir o contido principal
STG

Un libro dixital revela a contribución histórica do estamento militar de Galicia ao desenvolvemento científico

Cuberta da publicación
Cuberta da publicación
O Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC acaba de publicar a obra de José Ángel Docobo, Fernando Ponte, Iván Fernández, Pedro P. Campo e José R. González ‘El legado científico de las Fuerzas Armadas en Galicia y de los gallegos pertenecientes a las Fuerzas Armadas’
Santiago de Compostela

Poñer en valor a traxectoria científica de persoeiros galegos que pertenceron ás Forzas Armadas é a meta que perseguen José Ángel Docobo, Fernando Ponte, Iván Fernández, Pedro P. Campo e José R. González a través do libro dixital El legado científico de las Fuerzas Armadas en Galicia y de los gallegos pertenecientes a las Fuerzas Armadas, que acaba de ser editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. “Ousandos mariños e navegantes, astrónomos e cartógrafos, intrépidos aviadores, pilotos de derrota, médicos, veterinarios... A nómina de persoeiros galegos ou que, non o sendo, desenvolveron un importante labor científico e de investigación en Galicia asociados ao estamento militar é moi numerosa, malia os seus nomes dicir ben pouco ás xeracións actuais”, apuntan os autores.

Neste senso, Francisco de Seijas y Lobera, tras percorrer os sete mares do mundo, deu ao prelo en Madrid Descripción geográfica y derrotero de la región Austral-Magallánica (1690) e rematou os seus días traballando en Versalles para a corte do rei Sol Luís XIV. “Tirar deste inxusto esquecemento tan insignes nomes, difundir e poñer en valor a súa traxectoria científica e achega ao progreso socio-cultual e científico alí onde asentaron institucións militares”, explican os autores, foron os obxectivos que os moveron a organizar en 2018 e 2019 as exposicións celebradas en Santiago, Coruña, Marín, Pontevedra e Ferrol que están na base do libro que agora ve a luz.

Editado en formato dixital interactivo e ilustrado con gravados, material fotográfico e cartográfico, a obra aparece seccionada en oito capítulos destinados a mariños e navegantes, ensinanza naval, astrónomos e cartógrafos, levantamento de mapas,  exército de terra e aviadores galegos, centros de ensinanza militar, así como médicos e veterinarios. A publicación compila “ un rico elenco de nomes, temas e feitos históricos e venerables institucións, parte substancial da recente historia cultural e científica da Galicia que contribuíron de xeito indiscutible á proxección internacional do país”, conclúen os autores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.