Son as linguas sistemas autosuficientes e illados?
‘Contacto de linguas, Hibridade, Cambio: contextos, procesos e consecuencias’ é o lema do seminario que se inaugurará o vindeiro martes, día 2 de novembro, organizado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Consello da Cultura Galega. Na inauguración, prevista para as 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, participarán a directora do ILG, Rosario Álvarez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González; e o coordinador do seminario, o profesor Henrique Monteagudo. O simposio centrarase no estudo do contacto interlingüístico, fenómeno común a numerosas linguas. Prestarase neste encontro especial atención aos contextos de fronteira, comprendidos como áreas de transición, pero tamén no marco de procesos dinámicos de marcación de diferenzas. A organización deste simposio vincúlase a necesidade de darlle un maior desenvolvemento á lingüística de contacto, apuntan os promotores da iniciativa, para quen faise preciso pór en cuestión a propia concepción das linguas “como sistemas autosuficientes e illados”. Segundos os organizadores, o programa previsto axudará á discusión arredor do concepto de ‘ hibridade’, debatendo se resulta útil e apropiado no contexto galego e se é capaz de arrequecer as controversias sobre as dinámicas culturais e lingüísticas en Galicia, así como sobre cuestións referentes á variación social, á norma e ao estándar, á identidade social e ás actitudes lingüísticas. As persoas interesadas poden consultar o programa completo das xornadas no web do ILG.