Ir o contido principal
STG

O Lubicán Íntimo mergúllase no Folk Tribal da man de Zeltia Irevire

Zeltia Irevire
Zeltia Irevire
A banda galega actuará o 3 de marzo, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber do Campus de Lugo

Zeltia Irevire actuará no ciclo ‘Lubicán íntimo’, incluído dentro da programación da Primavera Cultural, o martes 3 de marzo ás 20.30 horas, na Casa do Saber do Campus de Lugo. A entrada é libre e aberta, ata completar a capacidade da sala. Previamente, ás 12.30 horas, haberá un encontro con Zeltia Acuña na Casa do Saber, que require previa inscrición en cultura.lugo [at] usc.gal

ZelIa Irevire é unha banda galega de estilo de autor formada no ano 2019 en Santiago de Compostela e integrada por ZelIa Acuña (voz e guitarra acústica), Migui Carballido (coros, bouzouki, bodhran e outras percusións), Cibrán Seixo (violín e sintetizador de baixo). Danse a coñecer co EP Directos na Ponte e en 2023 recollen as súas cancións no seu primeiro LP Vacaloura. En 2025 presentan o seu sinxelo ‘A canción da Sentinela’.

A agrupación mergúllase en xéneros como o folk ou o blues, entre outros, conseguindo unha identidade sonora inconfundible que chaman Folk Tribal. A súa música destaca pola sólida integración de instrumentos acústicos, unha voz potente con sons máis electrónicos. As letras das súas cancións están inspiradas nas historias da sabedoría popular e reivindican a protección do patrimonio cultural e natural de Galicia. ZelIa Irevire continua explorando os límites das Músicas do Mundo, ofrecendo ao público unha experiencia envolvente.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2026.