O luns comeza o Simposio ILG, este ano centrado na escrita en galego na Idade Moderna

Co título ‘ Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna’, o simposio do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) convoca entre o 20 e o 22 de novembro especialistas de diversas ramas do saber para abordaren a análise da produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII.
Trataranse así polo miúdo cuestións como a contextualización histórica e sociolingüística dos textos, a reconstrución da súa xénese e transmisión, a súa edición, a descrición e análise da lingua empregada neles, e o deseño de ferramentas para a análise e explotación dos datos lingüísticos que conteñen.
O simposio, a desenvolver en sesións de tarde no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, comezará o luns cun relatorio do profesor Henrique Monteagudo sobre o panorama sociolingüístico da Galicia da Idade Moderna, para continuar con Pegerto Saavedra e a súa explicación do contexto político e social do país nesa época. A xornada do luns complétase coas intervencións de Ramón Mariño, do ILG, e de José Luis Rodríguez Gómez, da Real Biblioteca, que falará do seu estudo sobre o epistolario do conde de Gondomar coas ferramentas da Text Mining.
No encontro, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, presentarase publicamente o proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna desenvolvido ao longo dos últimos anos no ILG, que servirá tamén para reflexionar sobre os desafíos que implica a construción de corpus especializados. A este tema dedicarase a xornada do martes 21.
Entre outros relatores e relatoras figuran os docentes e persoal investigador da USC Ernesto González, Sandra Beis e Rosario Álvarez, ademais de especialistas das outras dúas universidades galegas, da Real Biblioteca ou das Universidades Autonoma de Barcelona, de Lisboa ou de Coimbra, entre outros.