Ir o contido principal
STG

O luns entréganse os premios do V Concurso Estatístico Incubadora de Sondaxes e Experimentos

O IES de Mugardos e os Colexios Obradoiro e Salesianos San Juan Bosco, ambos os dous da Coruña, recollerán este luns 15, ás 12.00 horas na Facultade de Matemáticas, os premios da quinta edición do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ que convoca a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO). Na categoría de 1º e 2º da ESO gañou o proxecto do Colexio Obradoiro ‘Efecto de antioxidantes en froitas e metais. Estudo comparativo’, da estudante Claudia Estévez Suárez titorizada por David Romero Pedreira. Pola súa banda, en 3º e 4º da ESO mereceu o premio ‘Reprodución das táboas de crecemento infantil que utilizan os pediatras cos datos dos nenos do colexio Salesianos da Coruña’, da autoría do alumnado dese centro Paula Suárez Macías, Ana Victoria Vázquez Rodríguez, María Villalba Vázquez e Sofía Yáñez Perteagudo, titorizados por Ana Domínguez López. Por último, na categoría de bacharelato e ciclos formativos o IES de Mugardos resultou gañador co proxecto ‘Rendemento escolar e condutas de risco. Unha investigación en estudantes de secundaria’ dos estudantes Marcelo Couce Barbeito, Alba Meizoso Paradela, Martin Pérez Sarmiento e Sergio Vila Plana, titorizados por Covadonga Rodríguez-Moldes Rey. Estes dous últimos traballos serán os que representen a Galicia na V Fase Nacional do Concurso. Mencións especiais O xurado quixo tamén recoñecer con mencións especiais outros traballos. Así, en 1º e 2º da ESO destaca como primeira mención ‘Quien es el más viajero ‘ dos estudantes do Colexio Apóstol Santiago (Vigo) María Rodríguez Domínguez, Patricia Quintana Montes, Carmen Campo Barreiro e Paloma Gómez Abal, titorizados por Isabel Hernández Dorado. A segunda mención nesta categoría foi para ‘ Presencia de líquenes en zonas arboladas de A Coruña: ¿es menor en zonas con más tráfico?’ da estudante Raquel López Rodríguez, titorizada por David Romero Pedreira, do Colexio Obradoiro (A Coruña). Entre os de 3º e 4º da ESO entregaranse dúas mencións. Unha primeira para ‘Proyecto estadístico sobre mascotas’, das estudantes Bárbara Doce Gómez e Lucía José Domínguez do IES de Poio, titorizados por Mª Concepción Mora Domínguez, e unha segunda para ‘Una pregunta por favor’ do CPR San José (Pontedeume), dos estudantes Carlos Fernández Pascual, Sabela Fernández Allegue, Pepa López Alcaraz e Pedro Díaz Sardiña . Na seguinte categoría concedeuse mención especial ao traballo ‘Longevidad en España en los últimos 10 años’ do Colexio Obradoiro (A Coruña), do estudante José Luís Vilar García, titorizado por Jonás Ignacio González Guinea. O xurado Esta quinta edición o xurado estivo presidido polo vicepresidente da SGAPEIO, Tomás Cotos Yáñez; sendo secretaria Silvia Lorenzo Freire, da Universidade da Coruña. Como vogais actuaron Indalecio Cabana Leira, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Jorge Santiso Blanco, do Instituto Galego de Estatística; e Adrián Fernández Tojo Bolseiro, da Fundación Barrié. Na organización do certame colaboran ademais a Facultade de Matemáticas da USC; a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; o Instituto Galego de Estatística e a Fundación Barrié, co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2015.