María José Sampedro reivindica igualdade e integración na súa toma de posesión como nova decana de Psicoloxía

“Facer da institución que represento un espazo confortable para todas e todos, garantindo o mantemento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”. Así definiu María José Sampedro Vizcaya a vontade que rexerá o seu mandato como nova decana da Facultade de Psicoloxía. No acto de toma de posesión presidido polo reitor Antonio López, a profesora da USC afondou na necesidade de procurar a “integración e a expresión das diferentes visións que poidamos ter da universidade que, sen dúbida, contribúen ao seu fortalecemento”.
O reitor subliñou o traballo “con rigor e calidade” da Facultade de Psicoloxía. Antonio López dirixiuse á nova decana para darlle as “grazas pola xenerosidade de dar un paso á fronte na xestión”. “Sabe que pode contar connosco”, sinalou, alén de manifestar tamén o seu agradecemento á decana saínte, Mª Lourdes Mirón Redondo . “Esta é unha Facultade de referencia para a USC e para o Sistema Universitario de Galicia”, dixo. Este centro “ten claro o que é” xa que conta cunha oferta docente “asentada e orientada”.
Trátase dun centro cun “núcleo investigador potente”, engadiu Antonio López. “Temos un punto de partida sólido” para acometer retos de futuro como o relevo xeracional que a USC está a vivir debido ao proceso acelerado de xubilacións dos últimos anos. Neste senso, o reitor lembrou que a institución compostelá está a apostar pola figura do profesorado axudante doutor, así como pola convocatoria de prazas predoutorais con especial atención a áreas con dificultades para incorporar xente nova. “Este é un reto transversal e esencial para a Universidade”, dixo.
“Músculo académico”
Logo da lectura por parte da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, do nomeamento da decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro realizou no seu discurso un percorrido por todas as persoas que a precederon no cargo xa que “cada un deles aportou a súa experiencia e o seu bo facer para desenvolver o músculo académico que nos sitúa entre as facultades de psicoloxía mellor valoradas e máis demandadas de España”.
A nova decana quixo tamén profundar nos retos de futuro, entre os que se atopa o mantemento da Acreditación Institucional acadada en 2019. “Coido que renovar esta acreditación non resultará difícil, xa que somos unha Facultade comprometida coa docencia”, dixo María José Sampedro para despois enumerar algunhas das fortalezas deste centro da USC. A elevada nota de corte que se necesita para acceder á titulación, a valoración positiva dos estudantes coa docencia recibida que sitúa a este centro por riba da media da USC, a satisfacción do PDI coa docencia impartida, a escasa taxa de abandono, a elevada demanda de estudantes que solicitan traslado de expediente para continuar a súa formación neste centro, o interese dos e das docentes pola participación en actividades de formación para mellorar a calidade da súa docencia, o éxito dos estudantes ao acadar os primeiros postos na convocatoria PIR ou mesmo os bos datos de emprego dos egresados nos cinco anos seguintes a rematar os seus estudos, foron algúns dos aspectos destacados pola decana.
Unidade de Atención Psicolóxica
María José Sampedro tamén puxo en valor oferta de Prácticum, a cal conta con máis de 300 convenios; así como a Unidade de Atención Psicolóxica, creada ao abeiro da emerxencia sanitaria e que está a ter “un extraordinario éxito”, dixo. Trátase dun servizo “valorado moi positivamente polos usuarios, polo que parece oportuno solicitar que se consolide como un servizo estrutural da nosa institución, tal como ocorre nas mais prestixiosas universidades do mundo”, afirmou a decana.
A profesora da USC non quixo pasar por alto a demanda crecente de profesionais da saúde mental, a cal se sustenta en que “unha de cada tres consultas de Atención Primaria están motivadas, precisamente, por un problema desta índole”, matizou. Este tipo de datos evidencian a “relevancia que ten a nosa titulación dentro do sistema socio sanitario en todos os ámbitos, no clínico, por suposto, pero tamén no escolar e no socio-comunitario, o que fai que o noso compromiso coa sociedade sexa un eixe vertebrador do noso labor como docentes”, concluíu a decana.
Pola súa parte, Mª Lourdes Mirón Redondo, quen precedeu no cargo a Sampedro Vizcaya, tamén interveu no acto para facer balance dos seus anos á fronte do decanato e manifestar publicamente o seu agradecemento á comunidade universitaria deste centro. Mirón Redondo lembrou a posta en marcha da Comisión de Igualdade así como a xestión da pandemia na que se apostou pola presencialidade na medida do posible e na que se amosou a “nosa capacidade para sobrepoñernos con éxito ás dificultades”.
Traxectoria
María José Sampedro Vizcaya é profesora da área de Psicoloxía Básica, do departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. A parte máis coñecida da súa investigación ten que ver co estudo dos procesos psicolóxicos básicos, particularmente da atención, a percepción e a memoria. Nos últimos anos está interesada nos estudos de psicoloxía e xénero, concretamente na análise das desigualdades de xénero, que tamén se trasladan ao eido da formación e da investigación.
O resto do equipo de goberno desta Facultade da USC estará composto polas vicedecanas Olalla Cutrín Mosteiro e Dolores Rodríguez Salgado, así como pola secretaria Dolores Ponte Fernández.