O martes remata a inscrición no programa Explorer dos campus de Lugo e Santiago
A vixésima edición do programa Santander X Explorer, que leva xa 14 anos fomentando o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a validación de ideas susceptibles de se converteren en proxectos rendibles e solucións innovadoras, remata o vindeiro martes 17 de decembro o prazo de inscrición nos campus de Lugo e Santiago. O programa, de balde para as persoas participantes, está aberto nunha ducia de países: Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Estados Unidos, España, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai.
A formación en liña con metodoloxía “learning by doing”, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e rendibles son as ferramentas que atopan as persoas participantes neste programa. Ao longo de doce semanas, asistirán a sesións de resolución de dúbidas con especialistas e de traballo co resto de integrantes, ademais de a charlas sobre emprendemento con persoas fundadoras de startups e figuras de relevancia internacional.
Para participar, seleccionando na inscrición a USC, é preciso ser maior de idade e presentar unha solución innovadora que aborde algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Preténdese, desta forma, desenvolver o potencial emprendedor das persoas inscritas á vez que traballar en propostas que aspiran a mellorar o mundo. Para iso ofreceráselles formación e asesoramento orientados a facilitar o desenvolvemento dun proxecto de negocio baseado nas súas propias ideas.
Explorer permite obter un certificado cunha dedicación mínima de 96 horas no itinerario formativo e dá acceso a unha comunidade global de mocidade innovadora que medra de ano en ano e que facilita o traballo en rede entre participantes de todo o mundo. A comunicación das candidaturas seleccionadas será o 31 de xaneiro e as actividades de formación darán comezo o 3 de febreiro de 2025.