Ir o contido principal
STG

O Máster en Ciencias da Familia da USC formará a educadores americanos

O Máster en Ciencias da Familia da USC formará a educadores americanos
O Máster en Ciencias da Familia da USC formará a educadores americanos

O reitor da USC, Juan Casares Long, e o secretario xeral da Confederación Interamericana de Educación Católica (CIEC), José Leonardo Rincón Contreras, asinaron este venres en San Xerome un convenio de colaboración para pór en marcha un programa de ‘formación de formadores’. Trátase de achegar facilidades para que os membros da CIEC e das organizacións de pais e nais de familia e de alumnos dos países nos que está presente realicen o Máster en Ciencias da Familia da USC e os seus cursos derivados de Especialista en Ciencias de la Familia, Orientación e Mediación Familiar, Terapia Familiar e experto en Ciencias de la Familia. Os cursos desenvolveranse en Santiago e nos países de procedencia dos participantes. En Compostela será a parte presencial do 10 de xaneiro ao 25 de febreiro de 2011, principalmente na Facultade de Psicoloxía; e nos seus países as actividades prácticas, para o que os alumnos serán asesorados pola dirección e profesorado do Máster a través do Campus Virtual da USC. A CIEC, institución que agrupa as Federacións Nacionais de Educación de varios países de América, achegará a dotación económica necesaria para sufragar a matrícula dun máximo de 75 e un mínimo 45 estudantes preseleccionados pola USC. Ciencias da Familia Este posgrao propio da USC pretende dar resposta aos problemas educativos, psicolóxicos e sociais no contexto dunha sociedade tecnolóxica e complexa, por medio dun espazo de formación básica e permanente para cubrir as necesidades de perfeccionamento e actualización dos profesionais que se ocupan da educación e que traballan coas familias.

Entre os seus obxectivos, o programa deseñado pretende facilitar o alumnado o coñecemento dos modelos e correntes actuais nos distintos campos das ciencias da familia, achegándolle coñecementos teórico-prácticos da problemática que afecta á familia na sociedade actual e das técnicas a utilizar para a súa resolución, así como as habilidades necesarias para a intervención e o exercicio profesional en Orientación e Medición Familiar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2010.