A Masterclass do IGFAE polo 11F ofrece ás estudantes de primeiro de bacharelato a oportunidade de achegarse á física de partículas
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organiza un ano máis en Santiago de Compostela a Masterclass Internacional de física de partículas que conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O mércores 11 de febreiro, estudantes de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia poderán participar nesta xornada, na que convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e realizarán unha práctica con datos reais do experimento CMS. Por primeira vez, a Masterclass terá lugar na nova sede do IGFAE, inaugurada en xuño de 2025.
Esta iniciativa ten o obxectivo de achegar a física ás estudantes preuniversitarias galegas, coñecendo de preto o traballo realizado polo Instituto e tomando contacto con esta disciplina. Un dos piares da actividade divulgativa do IGFAE é a promoción do acceso á ciencia e a participación plena e equitativa de todas as persoas, especialmente en disciplinas moi masculinizadas como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero, que se vai agrandando segundo se avanza na carreira investigadora.
Inscricións
As estudantes e docentes interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o venres 30 de xaneiro ás 23.59 horas, a través dun formulario de rexistro en liña. Para garantir un óptimo desenvolvemento das sesións, a actividade ten un máximo de 60 prazas, con dúas estudantes de 1º de bacharelato por instituto (en función da evolución das inscricións, poderanse sumar máis participantes de cada instituto).
A Masterclass de Física de Partículas do 11F supón unha grande oportunidade para achegar as carreiras científicas ás alumnas, polo que cómpre ter presente o interese polas disciplinas STEM como criterio á hora de seleccionar as das participantes. A discusión dos resultados será en inglés, polo que debería tamén considerase o coñecemento deste idioma. O profesorado que acompañe ás estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario de inscrición. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada.
Programa
Durante a mañá, as asistentes mergullaranse nos conceptos clave da física de partículas con dúas conferencias introdutorias. A continuación, realizarase unha sesión práctica na que se utilizarán datos reais do experimento CMS. Logo dun xantar en común, que terá lugar no propio IGFAE, á tarde discutiranse os resultados das prácticas. Esta sesión incluirá unha videoconferencia con investigadoras do experimento CMS do CERN, así como con alumnas doutros países, como Brasil ou Hungría, que tamén participan na Masterclass.
Na sesión da tarde haberá, ademais, unha charla-coloquio que poñerá o acento nas cuestións de xénero e diversidade na física de partículas, amosando os casos de mulleres procedentes de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións, que fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero que seguen sendo en moitos casos bastante descoñecidas. Alén desta sesión, reservarase tempo para as conversas máis informais entre as estudantes e as investigadoras do IGFAE. A Masterclass é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN.