Máxima cualificación para unha tese que analiza o sector eólico en Galicia

A investigadora Rosa María Regueiro Ferreira acadou esta semana a máxima cualificación para a súa tese de doutoramento ‘Xénese e desenvolvemento do sector eólico en Galicia (1995-2010): marco institucional, aspectos económicos e efectos ambientais’, dirixida por Xoan Ramón Doldán e defendida na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O traballo recolle as principais características definitorias do desenvolvemento do sector eólico en Galicia de 1995 á actualidade, desvelando os elementos institucionais que o determinaron, quen detenta a propiedade real dos parques eólicos galegos e como isto determina a reversión de beneficios en Galicia, ao tempo que se analiza a dimensión do emprego xerado, os impactos ambientais ou a problemática da valoración dos terreos. Tamén se realiza unha análise comparativa cos modelos de desenvolvemento do sector eólico noutros países.
O tribunal estivo presidido polo catedrático de Estrutura Económica Xosé Manuel Beiras Torrado e composto ademais por Jaime Barreiro Gil; o profesor doutor da Complutense de Madrid, Emilio Menéndez Pérez; a profesora de Física da Universidade da Coruña Fernanda Miguélez Posse; e o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Valladolid, Oscar Carpintero Redondo.