A medallista olímpica Sofía Toro e o tenista Martín Varela comparten xornada con estudantes de Psicoloxía
Os deportistas galegos Sofía Toro e Martín Varela, campións nas súas especialidades de vela e tenis en cadeira de rodas, respectivamente, participarán este martes 13 nunha sesión interactiva co alumnado da materia Psicoloxía deportiva. Na xornada, a celebrar ás 18.00 horas na Aula 11 da Facultade de Psicoloxía, o alumnado da materia da USC responsabilidade do profesor Constantino Arce terá a oportunidade de departir con estes deportistas de máximo nivel e enriquecer así as súas visións profesionais. A regatista coruñesa Sofía Toro gañou recentemente a medalla de oro en match race nos Xogos Olímpicos de Londres, formando equipo con Tamara Echegoyen e Ángela Pumariega. Ademais, foi campioa de España en 2010 e 2011, iberoamericana en 2010 e de Europa en 2011.
Pola súa banda, Martín Varela, natural de Corme, é o número 1 do ránking español en tenis en cadeira de rodas. Logo dun accidente de circulación en 1998 e despois dunha longa recuperación física e mental, comezou a practicar un deporte que lle levou a conseguir os numerosos éxitos que o acreditan como o mellor deportista en España na súa especialidade.