Os mellores expedientes da USC poderán combinar prácticas laborais en empresas de Santiago con estudos de posgrao
As empresas de Santiago teñen de prazo ata o 16 de xuño para solicitar as axudas previstas no Programa de formación e prácticas en empresas para alumnas/os de excelencia académica da USC ‘Manuel Caeiro’, cuxo obxectivo é aproveitar o potencial dos alumnos cos mellores expedientes académicos da institución compostelá favorecendo a súa empregabilidade e evitando así a súa saída do Concello compostelán.
O programa prevé unha subvención de 12.000 euros á empresa para a contratación por período dun ano en réxime de prácticas aos alumnos seleccionados, que recibirán así mesmo unha axuda para a realización dos estudos específicos de Posgrao na USC que requira a empresa en cuestión.
Programa para as empresasPoden beneficiarse das axudas as empresas que teñan a súa sede física e de actividade no Concello de Santiago, na que se desenvolverán de xeito principal as tarefas da praza a cubrir. Na valoración das solicitudes terase en conta a vinculación da empresa ao territorio e a utilización de recursos da zona, se o perfil profesional ofertado coincide cos sectores económicos considerados estratéxicos para a cidade, a posibilidade de integración da praza no cadro de persoal ordinario da empresa, e as tarefas a realizar en relación co mapa de formación de posgrao ofertado pola USC.
No proceso de presentación de solicitudes, que remata o 16 de xuño, as empresas interesadas poden contar co asesoramento do persoal técnico da Oficina de Promoción Económica e Emprego. Os modelos de instancias están en formato electrónico a disposición dos interesados na páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org. Está previsto que o procedemento se resolva antes do 30 de xuño do 2007.
Bases para os titulados da USCOs alumnos solicitantes deberán ser titulados superiores da USC que obtiveran o título con data posterior ao 1 de xaneiro, non ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1976, e non ter máis de seis meses de experiencia laboral previa relacionada coa súa titulación, exceptuando para ese cómputo as becas de colaboración de carácter académico realizadas en centros universitarios e as prácticas en empresa. Unha vez que se resolva o prazo de solicitudes das empresas abrirase o correspondente para os titulados.