Ir o contido principal
STG

Membros do Foro de Vida Independente crean a asociación Vida Independente de Galicia (Vigalicia)

A nova asociación VIGALICIA presentárona os seus membros na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega
A nova asociación VIGALICIA presentárona os seus membros na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega
A nova asociación centra os seus traballos na promoción dos dereitos das persoas con discapacidade severa

Baixo os principios de dignidade, igualdade e autodeterminación vén de constituirse a ONG VIGALICIA (Vida Independente de Galicia), promovida por membros do Foro Vida Independente que dende hai anos colabora estreitamente coa USC a través do seu do Servizo de Participación e Integración Universitaria. A presentación desta nova asociación tivo lugar este martes na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega da USC nun acto no que interviron Antonio Novoa Romay, de VIGALICIA, e Javier Romañach, da Rede Europea de Vida Independente (ENIL, European Network on Independent Living).
VIGALICIA está integrada por un grupo de mulleres e homes con diversidade funcional severa que non aceptan a discriminación polo feito de ser diferentes, reclamando igualdade de oportunidades para participar plenamente na sociedade e poder elixir como vivir as súas vidas.
No transcurso desta roda de prensa, os integrantes de Vigalicia, acompañados por representantes do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, presentaron o percorrido e o traballo que a ONG realiza coas institucións para, entre outros, a posta en funcionamento dun sistema de asistencia persoal e tecnolóxica baixo o ideario de Vida Independente que lles proporcione igualdade de oportunidades. Igualmente, promove alternativas á institucionalización imperativa por causa de diversidade funcional.
Os membros de VIGALICIA, que conta coa apoio de ENIL, participaron na elaboración da Lei de promoción de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a través da comparecencia no Congreso dos Deputados, na comisión do Pacto de Toledo, onde fixeron achegas para a mellora do anteproxecto de lei. Tamén desde a asociación promoveuse unha Proposición Non de Lei, recentemente aprobada por unanimidade dos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia e que é a única iniciativa neste senso de todo o territorio español, impulsando un sistema galego de asistencia persoal baseado na filosofía de Vida Independente.
Posúen ademais unha ampla e recoñecida traxectoria en España e Europa no eido das persoas en “situación de dependencia”, como impulsores de modelos organizativos para a vida independente, participando en congresos e xornadas, escribindo libros e artigos, participando en investigacións e en proxectos de asistencia persoal para a vida independente das persoas con diversidade funcional severa, coma o presentado na Xunta de Galicia recentemente, e desenvolvendo accións en favor dos dereitos humanos e civís destas persoas. Neste senso, a Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora habitualmente con VIGALICIA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2007.