Memoria custodiada ata 2047

O xardín do Colexio de Fonseca é dende este sábado o espazo no que dormen dúas cápsulas dixitais do tempo. A Universidade de Santiago colabora co proxecto Once Uns, unha iniciativa de Sentinel Wardrobe coa que unha das cápsulas quedará custodiada ata 2047, mentres que en tres anos se descubrirá a infantil. Ao soterramento asistiron o reitor Juan Casares Long e os promotores da idea, Jorge del Oro, Fátima García Doval e Iñaki Quenerapú. Ao contrario que as tradicionais cápsulas do tempo, as dixitais non conteñen obxectos senón só información almacenada nos dispositivos existentes no momento. As que se soterraron na USC, achegadas por toda a cidadanía, conteñen información de calquera tipo, sen restricións de contido pero si de soporte (só lapis de memoria ou tarxetas SD). Levantamentos O levantamento da cápsula infantil será o sábado 30 de abril de 2016, mentres que o contido da ‘adulta’ se coñecerá o 27 de Abril de 2047. Por que 2047? Porque ese ano correspóndese en notación binaria (pola que se rexe a informática) con once veces 11, unha curiosa casualidade que non se volverá a producir ata dentro de miles de anos. Segundo explicaron responsables da Universidade, o emprazamento das cápsulas decidiuse pola idoneidade do espazo, que fora ata os anos 70 un horto experimental da Facultade de Farmacia e que non presenta ningún impedimento de tipo arqueolóxico.