Miguel Ángel Sánchez del Río recibiu o IX Premio Domingo Fontán
O profesor Miguel Ángel Sánchez del Río recibiu este mércores 25 o IX Premio Domingo Fontán (2024-2025) de investigación histórica que convocan bianualmente a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAPS) e o Consorcio de Santiago. Presidido polo reitor Antonio López Díaz, tamén participaron no acto de entrega o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido.
Sánchez del Río, que mereceu o Domingo Fontán polo seu traballo ‘Dádelles vós de comer. Asistencia e nutrición na Cociña Económica de Santiago de Compostela (1891-1923)’, recibirá os 2.000 euros cos que está dotado este premio e o diploma que o acredita, ao que se suma a publicación da súa obra, que será presentada noutro acto público na Real Sociedad, que terá lugar proximamente.
O xurado, encabezado por Loimil Garrido, decidiu por unanimidade conceder este galardón a Sánchez del Río porque o tema do seu traballo “ten unha grande importancia e importancia social neste momento, porque está moi ben documentado e ten moi boa factura académica, e é un estudo dun elemento salientable da historia contemporánea da cidade, na época que menos se coñece”.
Biografía do premiado
Sánchez del Río (Santiago de Compostela, 1977) é mestre especialista en Educación Musical (en posesión das especialidades de Educación Primaria, Pedagoxía Terapéutica e Audición, e Linguaxe), doutor en Filosofía, licenciado en Psicopedagoxía e diplomado en Estudos Avanzados en Métodos de Investigación e Diagnóstico Educativo.
Actualmente exerce como mestre de Educación Primaria no CEIP de Sigüeiro. Ademais, é organista titular da igrexa de San Miguel dos Agros (dende 2002) e da Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario, con sede en San Domingos de Bonaval, así como cantor do Santuario de Santa Minia. Está vinculado á Asemblea da Cruz Roja de Santiago de Compostela como voluntario dende o ano 1992.