Ir o contido principal
STG

A I Mini Olimpíada Galega de Química resólvese este venres na USC

Participan sesenta e tres alumnos da ESO de toda Galicia

Sesenta e tres alumnos da ESO de toda Galicia competirán este venres, 23 de maio, na final da I Mini Olimpíada Galega de Química que organizou a Comisión de Ensinanza do Colexio Oficial de Químicos de Galicia. A proba será na Facultade de Química da USC ás 11:30, cunha duración de dúas horas.
Os estudantes de 3º e 4º de ESO que este venres acoden á USC foron seleccionados nunha fase de zona celebrada o pasado 25 de abril en Foz, Lugo, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Vigo na que participaron 216 rapaces de 39 centros educativos.
Os alumnos que gañen a olimpíada recollerán o seu premio este mesmo venres, ás 18:00 horas na Aula Magna da Facultade de Química, no que tamén se entregarán os galardóns aos gañadores da XXV Olimpíada de Química de Bacharelato. Ademais, realizarase unha pequena homenaxe a un dos creadores das olimpíadas galegas e nacional, o profesor Enrique Macías Ruíz recentemente falecido.
A xornada deste venres desenvolverase de xeito que sexa unha prolongación da actividade docente, na que os alumnos poderán gozar dunha xornada activa en laboratorio realizando diversos experimentos adaptados aos programas desenvolvidos na ESO. Á súa vez, ao longo de todo o día os profesores dos centros que participaron na Mini Olimpíada asistirán a un seminario titulado ‘O laboratorio de Química na ESO e no Bacharelato’.
Nesta actividade colaborou de forma activa a Facultade de Química da USC co apoio de Frigoríficos del Morrazo, ALCOA, Obra Social de Caixa Galicia e o Concello de Foz. Pola súa banda, os centros que prestaron as súas instalacións para a realización da Fase de Zona foron a Facultade de Ciencias de Ourense, o Colexio Fingoi de Lugo, o Colexio Martínez Otero de Foz, a Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, a Facultade de Ciencias da Coruña, a Escola de Fisioterapia de Pontevedra e o Colexio Miralba-Fillas de Xesús de Vigo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2008.