Ir o contido principal
STG

A misoxinia e as vocacións femininas forzadas no Antigo Réxime centran este mércores dous relatorios en Humanidades

O ciclo de relatorios ‘Igrexa e relixión na cidade moderna’, promovido pola Área de Historia Moderna da USC baixo a dirección do profesor Fernando Suárez Golán, continúa este mércores, día 12 de marzo, no salón de graos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo con dous novos relatorios, nos que se abordarán cuestións relativas á misoxinia e ás vocacións femininas forzadas no Antigo Réxime.

A catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao abrirá a quenda de intervencións ás 12.00 horas, cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Misoxinia e pre-feminismo no clero barraco’. Ao seu remate, Ana María Sixto Barcia, investigadora da Deputación da Coruña, ofrecerá no mesmo escenario unha charla sobre as vocacións femininas forzadas a finais do Antigo Réxime. Este ciclo de relatorios, cuxa asistencia é libre e de balde para todas as persoas interesadas pola temática, chegará o xoves 13 ao seu remate. O profesor de Historia Moderna da Universidade de León Alfredo A. Martín García ofrecerá, a partir das 12.00 horas, o relatorio de clausura cunha exposición na que abordará os cometidos da Igrexa, sociedade e a caridade no noroeste peninsular durante a Idade Moderna.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2014.