Os monicreques de Kukas pecha a exposición 'Facendo teatro con marionetas' de Lugo
A compañía ‘Os Monicreques de Kukas’ pechará este mércores, día 2, a exposición ‘Facendo teatro con marionetas’ que organizada por Lugo Cultural, se pode visitar no Centro de Artesanía e Deseño. O grupo representará a súa última peza ‘Sen Título’ o mércores ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire.
No espectáculo, de carácter gratuíto e dirixido a todos os públicos, Kukas aproveita a súa experiencia polifacética como pintor, fotógrafo, escultor, marionetista, escritor, mimo ou músico, e así propoñer unha viaxe por diferentes disciplinas e introducir ao espectador no proceso de creación artística. Participan na peza dous actores de Lugo que pertencen á Compañía de Teatro Paimoco, Alberte Viveiro e Alba Fernández, e que formaron tamén parte da Aula de Teatro do Campus.
Na exposición ‘Facendo teatro con marionetas’ recóllese a evolución dos espectáculos da compañía como mostra representativa da historia contemporánea do teatro con marionetas en Galicia. Nela pódese ver o proceso de creación dunha marioneta mediante diferentes técnicas e estilos e tamén a ambientación dos bonecos como personaxes teatrais situados nun contexto escénico determinado.