Ir o contido principal
STG

A mostra ‘Auga, lodo e capital’ aborda a tensión entre o coidado do medio natural e os intereses económicos e políticos

O artista conversa coa secretaria xeral da USC. FOTO: Santi Alvite
O artista conversa coa secretaria xeral da USC. FOTO: Santi Alvite
A Igrexa da Universidade acolle ata o 18 de marzo esta exposición de Àlvar Calvet, que desprega unha liturxia de elementos para dialogar coa arquitectura relixiosa

A exposición ‘Auga, lodo e capital’, que poderá visitarse na Igrexa da Universidade ata o 18 de marzo, propón un percorrido material, simbólico e ritual ao redor dos ríos entendidos como corpos vivos sometidos a procesos de extracción, control e mercantilización. A través de instalacións, accións, esculturas, pintura e vídeo, Àlvar Calvet sitúa a persoa visitante fronte aos conflitos ecolóxicos contemporáneos que atravesan os territorios fluviais e cuestiona o papel do capital como forza que interrompe os ciclos naturais da vida. Tal e como destacou a secretaria xeral da USC, Diana Santiago, no acto inaugural que tivo lugar este xoves 5, o artista expresa “a tensión entre a protección do medio ambiente e os intereses económicos e políticos”.

Aínda que o traballo do artista desenvolveuse durante máis de dúas décadas en distintos contextos —o Ebro e o seu delta, o Siurana, o Segre, o Arga ou o río Aniene en Italia—, esta exposición introduce e profunda de maneira específica en Galicia, e moi especialmente na conca do río Ulla, un territorio hoxe tensionado por proxectos industriais e extractivos que ameazan o seu equilibrio ecolóxico, social e simbólico.

O espazo expositivo, a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, vinculada historicamente á Compañía de Jesús, reforza a dimensión ritual do proxecto. Calvet utiliza o altar, a capela, as columnas e as vitrinas para resignificar as formas litúrxicas tradicionais e construír unha iconografía contemporánea do conflito ecolóxico. As referencias a San Ignacio de Loyola, a Manresa e á tradición ignaciana non operan desde a devoción, senón desde unha lectura crítica do ritual como ferramenta de conciencia, transformación e responsabilidade colectiva. “Para min, traballar neste espazo era un reto”, destacou, “quixen complementar esta Igrexa facendo ofrendas”, dixo en relación ás pezas que integran a mostra.

As feridas do territorio

O relato de Àlvar Calvet en ‘Auga, lodo e capital’ é coincidente coa reflexión e o discurso expositivo que a Área de Cultura da USC leva desenvolvendo nestes últimos anos, abordando dende a creación contemporánea as feridas do medio natural e do territorio. Ademais, esta exposición chega a Galicia nun momento crítico: o artista vincula a ameaza da planta de Altri con outras cicatrices hídricas que marcaron a súa traxectoria, expoñendo o conflito da auga como un epicentro onde coliden a economía, a política e a ecoloxía. A través de materiais humildes, Calvet suxire unha escoita activa da contorna. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2026.