A mostra ‘A Educación ten faciana de Muller’ saca á luz mestras, pedagogas e educadoras invisibilizadas
Como parte dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo premiado na última edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na categoría de docencia, o Edificio Norte da Facultade de Ciencias da Educación expón ata o 24 de xaneiro a mostra A Educación ten faciana de Muller, que pon nome e faciana a mestras, pedagogas e educadoras invisibilizadas.
No proxecto de ApS A Educación ten faciana de Muller, o estudantado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar do Grao en Mestra/e de Educación Primaria investigou as principais figuras femininas pedagóxicas clásicas e contemporáneas.
Unha vez finalizada a súa exposición pública na contorna universitaria, a mostra iniciará a súa itinerancia por centros educativos da contorna de Santiago de Compostela. A iniciativa conta con financiación da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación