Ir o contido principal
STG

Unha mostra percorre case dous séculos de educación a través da historia do IES Arcebispo Xelmírez

A vida nas aulas, a relación entre profesorado e alumnado, eríxese na liña condutora que vai trazando o percorrido expositivo. FOTO: Santi Alvite
A vida nas aulas, a relación entre profesorado e alumnado, eríxese na liña condutora que vai trazando o percorrido expositivo. FOTO: Santi Alvite
Ata o 10 de xuño, poderá visitarse esta exposición que no Colexio de Fonseca “logra dar unha visión xeral dunha sociedade que acadou logros científicos e culturais que marcaron este país e que están a continuar”, apunta María Xesús Mascareñas Alonso, comisaria da mostra
Santiago de Compostela

‘O ronsel do xelmírez. 178 anos na educación e cultura galegas’ conforma unha exposición conmemorativa desta institución, o IES Arcebispo Xelmírez, a través do seu patrimonio cultural e sobre todo humano. A mostra que se inaugurou este luns 24, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, “pretende dar a coñecer como este centro chegou a ser un lugar de referencia na historia da creación cultural galega ao longo dos anos, desde a súa fundación ata a actualidade”, apunta María Xesús Mascareñas Alonso, comisaria da mostra. O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural no que tamén participaron, alén da comisaria, o director do IES A. Xelmírez I, Manuel Portas Fernández, e o coordinador da exposición, Paulo Porta Martínez. No acto tamén estivo presente a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. 

A vida nas aulas, a relación entre profesorado e alumnado, eríxese na liña condutora que vai trazando o percorrido expositivo. Disposto de xeito cronolóxico, a mostra abrangue os espazos que ocupa o Instituto ao longo do tempo, as leis educativas que o cinguen, os nomes propios de profesorado coas súas obras, os nomes do alumnado e o reflexo dos seus esforzos. Tamén hai oco para os materiais de estudo: libros de texto e libros desamortizados, aparellos, obxectos e láminas dos gabinetes.

“Quedan referenciados os logros do alumnado fóra xa do ámbito educativo, na súa vida posterior. Esta exposición pretende dar unha visión xeral dunha sociedade que acadou logros científicos e culturais que marcaron este país e que están a continuar”, engade Mascareñas Alonso. “Vese o Xelmírez dos últimos 50 anos, cuxa composición ten unha ampla base social e que segue a desenvolver grande número de actividades, innovacións metodolóxicas e publicacións varias. Por todo isto pensamos que a sociedade compostelá e galega en xeral debe coñecer este traballo”, engade. A mostra pode visitarse de balde ata o 10 de xuño, no Salón Artesoado e no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

De esquerda a dereita, Pilar Murias, Paulo Porta, Manuel Portas, Antonio López e  María Xesús Mascareñas. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Pilar Murias, Paulo Porta, Manuel Portas, Antonio López e María Xesús Mascareñas. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2023.