Ir o contido principal
STG

Tres mulleres achegan este mércores as súas experiencias a prol do impulso ao rural

As xornadas sobre Lingua, Muller e Dinámica Social continúan a súa actividade no Campus de Lugo

A Escola Politécnica Superior será o escenario este mércores 31 no que se desenvolverá a segunda das mesas redondas incluídas na programación das II Xornadas ‘Achegándonos ao Medio Rural’ que desta volta están a ter como eixo central o trinomio lingua, muller e medio rural. Nesta nova xornada, que comezará ás 17:00 horas co lema ‘Mulleres para un mundo rural vivo’, intervirán Iria Villar, técnica de aconsellamento de explotacións; Pilar Vispo, xefa dunha explotación hortícola de Vila de Cruces; e Teresa Sanjurjo, gandeira vinculada a ACRUGA. A próxima cita será o mércores 6 de abril, cunha mesa redonda na Facultade de Formación do Profesorado dedicada ao tema ‘Educación, lingua e muller no rural galego actual: panel de experiencias Tendo en conta a orientación formativa do Campus de Lugo en relación ao Medio Rural, as Comisións de Normalización Lingüística (CNL) das facultades de Humanidades, Veterinaria e de Formación do Profesorado e da Escola Politécnica Superior impulsan por segunda vez as xornadas ‘ Achegándonos ao Medio Rural’. Entre as finalidades que perseguen dende as CNL do Campus de Lugo con estas xornadas está o obxectivo de dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión dos recursos lingüísticos en función do contexto galego. Por outra banda, preténdese pór de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre rural-urbano e local-global dende o punto de vista da función social das mulleres, así como difundir experiencias profesionais de mulleres que teñen como base o uso da lingua galega, e achegar a realidade das mulleres do rural á comunidade universitaria e ao público en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2011.