'Músicas a carón da Mosqueira' achega a Lugo a música experimental
O Ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueria’ comeza este venres 13 en Lugo coa pretensión de achegar ao público en xeral diferentes propostas musicais, neste caso de marcado carácter experimental. A inicativa, que se desenvolverá ao longo de toda a fin de semana, está organizada por Lugo Cultural coa colaboración da asociación ‘Mira el río baja’.
Unha mesa redonda sobre as novas posibilidades da creación musical na rede abrirá este venres o programa de actividades ás 17:30 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Nela participarán o antropólogo e artista sonoro, Chiu Longina; o produtor e músico lucense, Arturo Vaquero-Humanoid; a directora do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura da USC, Inmaculada Cárdenas; e a xornalista María Pérez. Moderará o encontro o artista sonoro Enrique Tomás. Este mesmo día, ás 22:00 horas, na Praza do Cantiño disporanse unhas proxeccións sonoras dedicadas a diversos temas como a relación entre as cidades da Línea e A Habana, o ambiente na praia das catedrais, a vida das formigas ou a creación artificial. Todas as pezas foron compostas por Inmaculada Cárdenas e Arturo Vaquero que se proxectarán xunto coas perfomances de EMI (Experimental Music Instruments) e cunha selección das actividades da asociación cultural Alg-a.
O sábado, día 14, ás 11:00 horas na Escola de Formación do Profesorado comezará o seminario organizado polo colectivo Escoltar.org que pretende achegarse ao patrimonio sonoro de Galicia, polo que dentro das actividades previstas se atopa o rexistro de paisaxes sonoras na Ponte Vella da cidade. A partir das 00:00 horas, e como remate a este tramo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, terá lugar no Club Babel un concerto para mostrar algúns dos estilos fundamentais da música experimental como son o ruidismo dixital, minimal electrónico, electroacústica, breakcore ou paisaxismo sonoro. Participarán os Djs Hidráulico e Mister, ademais dos artistas Leucochloridium, Dr Think e Mike Rolling, Flexo, Christian Galarreta e Ultranoise.