Ir o contido principal
STG

Nace a Cátedra Castelao como iniciativa da USC para proxectar a figura do autor e a cultura galega cara ao futuro

O decano Elias Feijó, esquerda, a vicedecana Elsa González, o reitor Antonio López, o director da Cátedra, Henrique Monteagudo; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. FOTO: Santi Alvite
O decano Elias Feijó, esquerda, a vicedecana Elsa González, o reitor Antonio López, o director da Cátedra, Henrique Monteagudo; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. FOTO: Santi Alvite
Coincidindo coa presentación institucional estreouse na Facultade de Filoloxía a exposición ‘Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)’

“Era unha débeda que tiñamos desde a Universidade”, asegurou este martes o reitor Antonio López na Facultade de Filoloxía, na presentación da Cátedra Institucional Castelao, creada na USC, para promover a difusión e proxección cara ao futuro da vida e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a lingua e a cultura galegas. O reitor asegurou que permitirá “abrir as portas” do coñecemento arredor de Castelao e da súa época e levalo desde o ámbito académico á sociedade, converténdose nunha ferramenta “fabulosa” para facer “que a cultura chegue á cidadanía”. Ademais de Antonio López interviñeron no mesmo acto o director da Cátedra, Henrique Monteagudo; o decano da Facultade, Elias Feijó e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.

Henrique Monteagudo afirmou que coa creación desta cátedra e as dedicadas a Rosalía, Otero Pedrayo e Carvalho Calero se busca “reforzar a dimensión cultural da Universidade” e salientou o feito de que “a vocación non é suplantar” as institucións que traballan difundindo a obra e a vida do autor rianxeiro, coma a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou as fundacións Penzol e Castelao, “senón buscar a colaboración de todas” difundindo facetas do rianxeiro coma a de artista, debuxantes, escritor ou político.

Elias Feijó, decano do centro, cualificou de “acto significativo” e “con visión de futuro” a creación da cátedra, da que deberán xurdir iniciativas “para entender mellor o presente e ter propostas de futuro”. Mentres, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, subliñou que a obra de Castelao está “nos alicerces da cultura galega contemporánea” e que foi “unha figura cunha dimensión ampla, moi polifacética, que en todos os lugares polos que pasou deixou un ronsel”, lembrando ademais que en 2025 se celebra o 75 aniversario do seu pasamento.

Mostra
Ao finalizar a presentación da Cátedra, as persoas asistentes realizaron un percorrido pola primeira exposición organizada desde esta: ‘Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)’. Poderase ver na Facultade de Filoloxía ata o 15 de xaneiro e con ela conmemórase o 80 aniversario da publicación do ensaio Sempre en Galiza, percorrendo as distintas etapas da creación desta obra a través de varios paneis informativos. Estes paneis están acompañados por unha selección de libros nos que se achega información sobre esa época histórica.

Iniciativas
A USC incorporou no Consello de Goberno do 23 de febreiro deste ano a cátedra institucional dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía ou activismo político. Os seus obxectivos serán o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, a súa traxectoria e a súa obra, escrita, cívica e artística, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.

Desde a Cátedra, que conta co apoio da Xunta e do Parlamento de Galicia, denvolveranse ademais encontros académicos e actos divulgativos e produciranse materiais de distinto tipo, en particular, considérase prioritaria a creación dun sitio web de referencia, que deberá realizarse en colaboración con diversas entidades; tamén se organizarán actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital do autor, en particular na vila de Rianxo e nas cidades de Compostela e Pontevedra.

Así mesmo, dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra do autor nos diversos campos -desde a Fundación Castelao ata o Museo do Pobo Galego-, e con aquelas vencelladas co estudo da tradición galeguista e coa memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. A tarefa de divulgación, en xeral, terá lugar en forma de difusión a través da rede, e, no posible, de forma itinerante a través de exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2024.