Nace a primeira ferramenta global para impulsar a igualdade na xestión dos océanos
Un equipo internacional de investigación acaba de publicar na revista Nature o artigo ‘The Ocean Equity Index’, no que se presenta a primeira ferramenta global deseñada especificamente para medir e mellorar a equidade en iniciativas, proxectos e políticas relacionadas co océano.
O traballo constitúe un exemplo destacado de investigación española de alto impacto no coidado do océano, coa participación conxunta da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do centro de investigación Basque Centre for Climate Change (BC3). Entre os autores figuran Verónica Relaño, Natali Lazzari e o director de EqualSea, Sebastián Villasante, todos membros do CRETUS, así como a investigadora Noelia Zafra-Calvo, do BC3.
O Ocean Equity Index (OEI) responde a unha necesidade clave na gobernanza mariña actual, como é a de pasar dos compromisos declarativos sobre equidade a mecanismos prácticos que permitan medila, comparala e mellorala. Esta ferramenta propón un marco claro, transparente e replicable, baseado en 12 criterios que se puntúan do 0 ao 3 e que permiten analizar de forma estruturada que dereitos son recoñecidos, quen participa na toma de decisións, como se distribúen os beneficios e que accións concretas poden adoptarse para mellorar a equidade.
Trátase dunha ferramenta fácil de aplicar e que non require formación especializada, pensada para ser utilizada por administracións públicas, organizacións, comunidades locais, xestores, investigadores e financiadores. Ademais, pode aplicarse desde a escala local ata a global e é válida para calquera ámbito da economía azul, como a pesca, a conservación mariña, a enerxía offshore, a planificación espacial mariña ou as políticas públicas.
Seis estudos de caso demostran a súa utilidade
Os autores aplicaron o OEI a seis estudos de caso en diferentes países e escalas (local, nacional e global), demostrando que é capaz de xerar datos estruturados que apoian a toma de decisións baseada en evidencia e permiten identificar de forma clara brechas e oportunidades de mellora.
Entre outras aplicación, o OEI permite avaliar propostas de financiamento desde a perspectiva da equidade, realizar seguimento e avaliación de proxectos ao longo do tempo, reforzar a rendición de contas fronte a compromisos políticos e normativos, favorecer procesos de aprendizaxe e xestión adaptativa e deseñar iniciativas oceánicas máis xustas e eficaces, tanto para as persoas como para os ecosistemas.
Contribución desde a USC e o proxecto ERC EqualSea
A participación do equipo de EqualSea Lab–CRETUS (USC) neste traballo enmárcase na investigación sobre xustiza e sustentabilidade nos sistemas mariños que desenvolve o laboratorio, e está vinculada ao ERC Consolidator Grant EqualSea, financiado polo European Research Council.
Segundo sinala Sebastián Villasante, “durante anos, gobernos e organizacións asumiron compromisos sobre equidade na xestión do océano, pero faltaban ferramentas concretas para medir se eses compromisos se estaban cumprindo. O Ocean Equity Index permite precisamente iso: avaliar de forma obxectiva onde estamos e que debemos mellorar”.
Pola sú parte, para Noelia Zabra Calvo o Índice de Equidad Oceánica “é unha oportunidade única para todos os xestores de proxectos, financiadores que avalían propostas relacionadas cos océanos e investigadores que traballan neles. O seu uso pode impulsar un necesario cambio cara a océanos máis equitativos”.