Ir o contido principal
STG

NeoGIANT reducirá o uso de antibióticos en animais grazas a terapias desenvolvidas con bagazo de uva branca de Albariño

Este proxecto internacional coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores, recibiu por parte da UE un financiamento superior aos oito millóns de euros no marco do programa H2020. FOTO: Santi Alvite
Este proxecto internacional coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores, recibiu por parte da UE un financiamento superior aos oito millóns de euros no marco do programa H2020. FOTO: Santi Alvite
Este proxecto internacional coordinado pola catedrática da USC Marta Lores recibiu por parte da UE un financiamento superior aos oito millóns de euros

O proxecto NeoGiANT (The power of grape extracts: antimicrobial and antioxidant properties to prevent the use of antibiotics in farmed animals) pretende desenvolver un conxunto de novos produtos para animais —alimentos, profilácticos e diluíntes de esperma— baseados en extractos naturais. Deste xeito, aspírase a  diminuír o uso de antibióticos na cría e substituír os conservantes sintéticos. Estes novos produtos levarán como ingrediente activo un extracto de bagazo de uva blanca (e-Vitis), obtido de Vitis vinifera, concretamente da variedade Albariño, mediante unha técnica de extracción sostible e patentada. Este proxecto internacional coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores, recibiu por parte da UE un financiamento superior aos oito millóns de euros no marco do programa H2020.

“A proposta baséase na valorización de residuos da industria vitivinícola (co-produtos) procedentes da produción de viños brancos de alta calidade que conservan, tras o proceso de vinificación, unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva”, explica a profesora Lores. Co fin de obter un extracto multicompoñente listo para o seu uso dun modo eficiente e “verde”, aplícase unha metodoloxía alternativa á extracción convencional que é, ademais, facilmente escalable. Así obtéñense ingredientes funcionais en sistemas de produción sostibles que contribúen a implementar accións de economía circular no sector do viño. “O obxectivo último do proxecto é reducir a aparición de novas resistencias antimicrobianas e controlar mellor as resistencias antimicrobianas existentes no eido da cría e reprodución de animais destinados ao consumo humano”, sinala a responsable do proxecto.

Maior rendibilidade

“As excelentes propiedades do extracto natural, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño, proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas”, continúa a profesora Lores. Os produtos que se desenvolvan estarán deseñados para controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería —bovina, porcina e avícola— como en acuicultura; pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías.  

O consorcio está integrado por 20 socios de nove países, dos cales catro son institucións de educación superior alén da USC, toman parte as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur na República Checa—. O equipo da USC está formado polos investigadores Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2021.