Ir o contido principal
STG

A Nerd Nite de febreiro profundará nos datos, na orixe da electrónica galega e na toponimia

Detalle do cartel da vindeira Nerd Nite
Detalle do cartel da vindeira Nerd Nite
Vicente Lustres Pérez, Daniel Seijas Llerena e Vicente Feijoo Ares serán os relatores da sesión que se desenvolverá o vindeiro 22 de febreiro
Santiago de Compostela

Datos, electrónica e toponimia serán os tres eidos temáticos sobre os que pivotará a primeira Nerd Nite de 2023. A Nave de Vidán acollerá o vindeiro 22 de febreiro, a partir das 20.30 horas, a próxima sesión destas charlas científicas, coordinadas polo catedrático da USC Jorge Mira, onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno.

‘Stat Wars: a rebelión dos datos’ é o título do relatorio que impartirá Vicente Lustres Pérez, CEO e cofundador de Biostatech, empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Lustres Pérez é doutor en Bioloxía e ten un mestrado en Estatística Aplicada.

A continuación, será a quenda de Daniel Seijas, doutor en Historia Contemporánea, quen falará dos irmáns Portela, ‘creadores do magnetófono galego e pioneiros da electrónica en Galicia’, tal e como indica o título da súa charla.

Finalmente, o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, abordará na súa intervención ‘Galicia nomeada’, plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. ‘Galicia Nomeada: na procura dos nomes da túa terra’ será o título do seu relatorio.

As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo e que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario.

Cartel da Nerd Nite
Cartel da Nerd Nite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2023.