O Nobel de Física en 2007, Albert Fert, primeiro convidado do Programa ConCiencia deste ano
O Nobel de Física en 2007, o francés Albert Fert, achégase estes días a Compostela para participar no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, chega á súa quinta edición convertido na acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia.
Kornberg acadou o Nobel -compartido con Peter Grünberg-polo descubrimento da magnetorresistencia xigante, un fenómeno que deu lugar a unha revolución no eido do rexistro e acceso á información. O seu achado, unha das principais aplicacións reais do emerxente campo da nanotecnoloxía, está presente nos ordenadores portátiles, reprodutores musicais e, en xeral, en moita da electrónica de consumo que usamos actualmente.
O profesor Fert, da Universidade París-Sur, ofrecerá este xoves 29, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia ‘O mundo da espintrónica: electróns, espíns, computadoras e teléfonos’ que, aberta a todo o público, disporá de tradución simultánea e que se retransmitirá por videoconferencia na Sala de Xuntas da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Previamente, ás 19:00 horas, será recibido en San Xerome polo reitor Senén Barro.
Xa o venres 30 Albert Fert reunirase, ás 10:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, cos principais líderes españois no eido da chamada ‘espíntrónica’. Este cumio científico, denominado ‘Spaintronics’, contará ademais coa participación do tecido investigador galego.