Ir o contido principal
STG

O Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, en Compostela convidado polo programa ConCiencia

O Programa ConCiencia 2011 trae esta semana a Santiago ao Nobel de Química en 2005. Richard Schrock reunirase este xoves 10 con persoal investigador da USC e pronunciará a conferencia ‘Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005’ destinada ao público en xeral. Previamente, o mércores 9, Schrock manterá ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca un encontro cos medios de comunicación. Esa mesma tarde, ás 17.00 horas, reunirase co reitor Juan Casares no seu despacho e asinará no Libro de Honra da Universidade compostelá. Richard Schrock Richard Schrock (1945, EE.UU.) mereceu o Nobel -compartido con Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite ‘cambiar átomos de lugares’. Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella). O descubrimento do profesor Schrock, que na actualidade traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), proporcionou un novo xeito de unir fragmentos moleculares para obter moito máis rápido e dunha maneira menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras e, sobre todo, fármacos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2011.