Na noite do martes ao mércores comeza a estación primaveral no hemisferio norte
A estación da primavera no hemisferio norte comezará na noite do vindeiro martes 20 ao mércores 21 e durará preto de 93 días, prolongándose ata as 20:06 horas do 21 xuño, instante no que dará comezo o verán. Segundo o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, o inicio da primavera está astronomicamente marcado polo paso do Sol polo chamado punto Vernal do Equinoccio de Marzo, un dos puntos da corte da Eclíptica co Ecuador Celeste.
Este cambio de estación propiciará que, como en anos anteriores, o cambio de hora oficial terá lugar o último domingo de marzo cando ás 02:00 horas se adiantarán os reloxos unha hora, seguindo a normativa da Unión Europea.
O profesor Docobo indicou que durante a xornada do vindeiro mércores 21 a duración do día e da noite será idéntica. Nas seguintes xornadas, as horas do día irán medrando ata alcanzar o solsticio de xuño, con 15 horas de duración. Asemade, o vindeiro mércores o Sol sairá exactamente polo Leste e porase polo Oeste, pero a medida que pasan os días, irá facendoo cada vez máis ao Norte ata chegar ao 21 de xuño cando comezará a traxectoria inversa.
Como curiosidade, o director do Observatorio Astronómico da USC destacou que o Domingo de Pascua é o seguinte á primeira lúa chea da primavera que, este ano, terá lugar o día 2 de abril. Aínda que nesta estación non haberá ningunha eclipse, nesta primavera daranse as mellores condicións para observar os planetas. Deste xeito, Mercurio poderá ser observado estes días ao amencer e a comezos de xuño despois da posta do Sol. Ademais, Venus estará visible durante toda a estación e Marte ao amencer, mentres que Xúpiter poderá ser contemplado ao longo de todas as noites dos vindeiros meses e Saturno, que agora é visible case toda a noite, en xuño só o será ao comezo da mesma.
Nesta estación, entre as chuvias de estrelas máis destacadas estará as Líridas, tendo como data de máximo apoxeo o 22 de abril, e as Eta-acuáridas, o 6 de maio. Por outra banda, o 30 de marzo a Lúa ocultará a brillante estrela Régulo e o 22 de maio sucederá o mesmo co planeta Saturno.