O nomeamento de María José Alonso Veloso como directora consolida o iLTIUS da USC
A catedrática de Literatura española da USC, María José Alonso Veloso, afrontará a dirección do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS) os vindeiros seis anos, logo de ocupar este cargo de maneira transitoria os últimos nove meses dende a súa constitución.
Consolídase deste xeito o iLTIUS, toda vez que xa están constituídos todos os seus órganos de goberno -Dirección, Xunta de Goberno, Comité Asesor Externo e Consello Científico- e vinculados arredor de setenta membros (medio cento de permanentes e vinte non permanentes, entre posdoutorais e doutorandos). A directora comisaria anunciou que aposta pola continuidade na secretaría do Instituto, polo que Tamara Bouso, profesora titular de Filoloxía Inglesa, continuará como secretaria.
Proceso garantista de elección da dirección
Para a elección da persoa que dirixiría o centro, abriuse un proceso de presentación de candidaturas entre todos os membros vinculados permanentes que o desexasen e que cumprisen os requisitos mínimos esixidos: polo menos dous sexenios, dirección de proxectos nacionais ou internacionais nos catro anos previos e dirección de teses de doutoramento no último quinquenio.
Unha vez recibidas as candidaturas e verificado o cumprimento dos requisitos formais, a única recibida, presentada pola directora comisaria, acadou todas as validacións e superou todos os procesos para ser finalmente elixida. Entre todos eses procedementos figura a superación dunha avaliación por parte dunha Comisión Asesora Externa, que neste caso estivo formada polas catedráticas e catedráticos María del Pilar García Mayo, da Universidade do País Vasco; María del Carmen González Vázquez, da Autónoma de Madrid; Francisco Javier Martín Arista, da Universidade de La Rioja, e Juan Miguel Valero Moreno, da Universidade de Salamanca.
Intensa actividade do instituto
A dirección definitiva, cuxo mandato terá unha duración de seis anos improrrogables, poderá agora abordar o progresivo despregamento da axenda científica do iLTIUS. Un dos vindeiros pasos será a presentación do orzamento e as accións previstas para este ano 2026.
En só nove meses de funcionamento, o Instituto acadou importantes fitos. Ademais de abordar a primeira convocatoria de vinculación, concluída con éxito, e poñer en marcha todos os seus órganos de goberno, o iLTIUS conta xa cunha sede no Centro de Estudos Avanzados (CEA), unha técnica superior de xestión, unha web en tres linguas (galego, castelán e inglés), un Boletín informativo e unha lista de distribución para membros e persoas interesadas na actividade do Instituto.