Ir o contido principal
STG

Un total de nove vicerreitorías conforman o novo equipo de goberno

Un total de nove vicerreitorías, tres específicas do Campus de Lugo, e unha secretaría xeral conforman o equipo de goberno que acompañará a Juan Viaño nos vindeiros catro anos. Os seus titulares tomaron posesión dos seus respectivos cargos tamén este mesmo luns no acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia. Trátase das vicerreitorías de Investigación e Innovación (Isabel Rodríguez-Moldes Rey); de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador (Luís Lima Rodríguez); de Oferta Docente e Innovación Educativa (Roberto Javier López López); de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social (Mª Dolores Álvarez Pérez); de Comunicación e Coordinación (José Pereira Fariña); e de Internacionalización (Carlos Alberto Salgado López). O campus lugués contará coas de Coordinación do Campus de Lugo (Javier Bueno Lema); de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico (Andrés Barreiro Lois); e de Servizos Universitarios (Mª do Carme Silva Domínguez). Equipo de goberno Isabel Rodríguez-Moldes Rey. Vicerreitora de Investigación e Innovación. Catedrática de Bioloxía Celular dende 2011, desenvolve a súa actividade investigadora no Centro de Investigación en Bioloxía (CIBUS), en Campus Vida. É coordinadora do grupo BRAINSHARK e investigadora principal de proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación (3) e pola Xunta de Galicia (3) sobre o desenvolvemento do sistema nervioso en vertebrados basais como os tabeiróns. Ten dirixido dez teses doutorais e diversos traballos de investigación e é coautora de máis de 60 publicacións en revistas internacionais de prestixio. Desenvolveu diversas actividades de xestión, como secretaria do Departamento de Bioloxía Fundamental da USC durante máis de catro anos; coordinadora das Probas de Acceso á Universidade (PAAU) da materia Bioloxía (Loxse) durante sete cursos; ou directora da Escola de Doutoramento Internacional da USC. Luis Lima Rodríguez. Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente Investigador. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC (1985) e doutor en Medicina e Cirurxía pola mesma universidade (1988). Completou a súa formación no departamento de farmacoloxía da Università degli Studi di Milano (Italia). É profesor titular no Departamento de Fisioloxía desde 1993. Foi coordinador do Programa de Doutoramento Interuniversitario de Endocrinoloxía e membro das comisións de redacción e académica de diversas titulacións, ademais de secretario da Facultade de Medicina e Odontoloxía dende xaneiro de 2011 ata a actualidade. Desempeñou diferentes postos de xestión en diversas áreas dependentes do Vicerreitorado de Investigación como protección radiolóxica e experimentación animal. Roberto Javier López López. Vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa. Natural de Santiago de Compostela, é doutor en Historia pola Universidade de Oviedo e profesor titular de Historia Moderna. É autor e editor de varios libros así como de máis dun cento de artigos e traballos de investigación dedicados en boa parte á historia da cultura e das mentalidades e á formación e difusión da opinión pública política na Idade Moderna. Forma parte do grupo de Historia Moderna (GI-1921) e participa en dous proxectos de investigación: sobre o estudo das actitudes e comportamentos ante os estranxeiros en España e Iberoamérica no século XVIII e outro dedicado á cultura urbana na Coroa de Castela na época moderna. Foi director do Colexio Maior Fonseca, secretario e vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia e director do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC. Mª Dolores Álvarez Pérez. Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e doutora en Economía e Ciencias da Administración Pública e Privada. Tamén é auditora. É profesora titular na área de Organización de Empresas e Comercialización. As súas liñas de investigación xiran ao redor dos Recursos Humanos, do Goberno Corporativo e Responsabilidade Social. Foi responsable do gabinete do reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2006 e 2007 e vicerreitora de Calidade e Planificación da USC ata o ano 2010. Tamén foi a xerente da Real Sociedade Económica de Amigos do País. José Pereira Fariña. Vicerreitor de Comunicación e Coordinación. (Moraña – Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación e membro do grupo Novos Medios. Ademais de decano na Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá, foi durante tres anos o coordinador de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da USC. É autor de preto de vinte artigos en revistas internacionais, ademais de ter participado na redacción de varios libros sobre ciberxornalismo. É membro do consello consultivo de Galicia Saudable. Na actualidade, traballa en varios proxectos de investigación internacionais vinculados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación. Carlos A. Salgado López. Vicerreitor de Internacionalización. (Monforte de Lemos, 1971) é profesor titular na Facultade de Física. Traballou como contratado posdoutorail no Laboratoire de Physique Théorique da Université de Paris Sud (Orsay) de 1998 a 2001 e no Large Hadron Collider do CERN entre 2001 e 2005 realizando investigacións sobre a Física de QCD a altas temperaturas. Entre 2006 e 2007 obtén unha segunda Marie Curie Fellowship para traballar na Università di Roma I ‘ La Sapienza’. En 2011 recibe unha Starting Grant to European Research Council para realizar o proxecto ‘Hot and dense QCD in the LHC era (HotLHC)’ en colaboración co CERN. A súa actividade científica recóllese en máis de cen publicacións cun importante número de citas así como máis de cen charlas convidadas, incluíndo sesións plenarias en todas as conferencias internacionais máis importantes do seu campo. Ten tamén interese na divulgación científica, tendo organizado as Masterclass do CERN na Facultade de Física nos últimos anos, así como videoconferencias co CERN e cen institutos de educación secundaria. Javier Bueno Lema. Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo. (Zas - A Coruña, 1965). Doutor enxeñeiro agrónomo, é profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal. Licenciouse como Enxeñeiro Agrónomo na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo e obtivo o grao de doutor pola Universidade Politécnica de Madrid. É membro do grupo de Enerxía e Mecanización Agroforestal. Participou en 21 proxectos de investigación, en nove deles como investigador principal, tendo varias ducias de publicacións en revistas de referencia. É membro da Asociación Española de Agricultura de Conservación-Suelos Vivos, da Sociedad Española de AgroIngeniería (SEAgIng), da European Society of Agricultural Engineers (EurAgEng) e da American Society of Agricultural and Biological Engineers (ASABE). Foi director da Escola Politécnica Superior de Lugo e director da Residencia Universitaria ‘ Xesús Bal e Gay’ de Lugo, membro do Claustro Universitario da USC dende o ano 1998, membro da Comisión Electoral Central da USC, director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, vicerreitor adxunto de Oferta e Xestión Académicas nos anos 2006 e 2007, e membro do Consello de Goberno da USC nos anos 2010 e 2011. Andrés Barreiro Lois. Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo. Profesor titular da USC dende 1994, licenciouse e obtivo o grao de doutor en Veterinaria pola Universidade de León. Imparte docencia na Facultade de Veterinaria en materias da área de coñecemento de Ciencias Clínicas Veterinarias, no ámbito do Diagnóstico por Imaxe, na Licenciatura e Grao de Veterinaria e no Máster Universitario ‘Investigación básica e aplicada en ciencias veterinarias’. Desenvolve actividade clínica como profesor vinculado e Xefe do Servizo de Diagnóstico por Imaxe, no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. Desempeñou o cargo de Director do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias entre os anos 2002 e 2012. Mª do Carme Silva Domínguez. Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo. (Lugo, 1968) é profesora titular de Filoloxía Galega na Facultade de Humanidades, ademais de impartir docencia tamén en Formación do Profesorado. As súas investigacións centráronse inicialmente nalgúns aspectos da sintaxe da lingua galega, aínda que nos últimos tempos interesouse por cuestións de natureza máis sociolóxica. Así chegou a desenvolver unha liña de estudo centrada na análise das características do ensino da lingua galega dirixido ás persoas procedentes de fóra de Galicia que chegaron por causa da inmigración económica. En relación con esta cuestión, a profesora Silva ten estudado tamén os estereotipos ligados aos inmigrantes na prensa escrita. Coordinou o máster de Servizos Culturais, ademais de participar no seu deseño inicial. Secretaría Xeral Consuelo Ferreiro Regueiro. Secretaria Xeral. Licenciada e doutorada pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesora titular. A súa tese titulada ‘A determinación das unidades de negociación colectiva’, determinou a súa especialización en negociación colectiva dentro da disciplina de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, o que lle facilitou a colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial cun estudo sobre ese mesmo tema no seo da Unión Europea. Da man do citado órgano xudicial dirixiu outro estudo referido ao traballo autónomo, o que lle permitiu investigar na Universidade Panteón-Sorbona, da que hoxe é profesora invitada ao igual que da Universidade de Caen. Durante máis de dez anos foi secretaria do Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo, ademais de coordinadora do Máster en Xestión e Dirección Laboral e co directora da Cátedra Extraordinaria de Traballo Autónomo. Fóra do ámbito estritamente académico, foi membro do Consello de Representatividade do Traballo Autónomo (Ministerio de Traballo) e árbitro do Consello Galego de Relacións Laborais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2014.