Ir o contido principal
STG

Os novos retos profesionais da enfermaría, a debate nunha xornada monográfica no Hula

Asistentes ás xornadas 'Novos retos profesionais', organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo no Hula
Asistentes ás xornadas 'Novos retos profesionais', organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo no Hula
A enfermeira, psicóloga e fundadora de Coaching.com, Itziar López Zarrabeitia, abriu a quenda de relatorios dun foro que congregará máis de 350 estudantes e profesionais

Os novos retos profesionais que deben afrontar os enfermeiros e enfermeiras centran a temática da vixésima terceira edición das xornadas organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, un foro monográfico que se desenvolve este mércores, en quenda de mañá, e tarde no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

A enfermeira, psicóloga e fundadora de Coaching.com, Itziar López Zarrabeitia, abriu a quenda de relatorios deste foro monográfico sobre enfermaría cunha intervención desenvolvida baixo o título ‘ Coaching de saúde’ e a través da que tratou de achegar aos profesionais da enfermaría ferramentas e habilidades acaídas para traballar cos seus pacientes, a fin de que cada doente asuma unha maior responsabilidade sobre a súa saúde e contribúa así a lograr os obxectivos terapéuticos previstos de forma rápida e estable.

Unha mesa redonda sobre boas prácticas e coidados, guiada pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo Marisol Villarino Paz, deu continuidade ás xornadas, cuxo programa matinal tamén inlcuíu relatorios sobre corazóns adestrados, programas de educación diabetolóxica, ética na contención mecánica, comunicación e coidados ou boas prácticas RNAO.

Os relatores participantes neste coloquio abordaron os programas de prevención secundaria en rehabilitación cardíaca, así como en doentes con problemas cardiolóxicos. O obxectivo desta sesión pasa por posibilitar que pacientes e coidadores comprendan o diagnóstico, melloren o seu coñecemento da enfermidade, recoñezan os síntomas e saiban como actuar fronte a eles, en definitiva, favorecer o autocoidado.

Respecto da educación diabetolóxica, tamén se puxo de manifesto neste foro a necesidade de dispoñer dun programa estruturado que contemple obxectivos e estratexias orientadas a facilitar a pacientes, coidadores e familiares coñecementos e habilidades, así como actitudes e as ferramentas de apoio necesarias para que cada persoa poida responsabilizarse da súa enfermidade. Estas xornadas tamén serviron para dar a coñecer os protocolos existentes, aspectos legais e éticos respecto das intervencións con contención mecánica, que é unha medida terapéutica empregada para controlar aos doentes que presentan un risco de lesión para eles mesmos e para terceiras persoas.

O último relatorio desta mesa redonda tratou sobre o proxecto de implantación de guías de boas prácticas RNAO, un programa de boas prácticas xurdido en España do acordo entre o centro español para os coidados de saúde e benestar baseados na evidencia (Investén-ISCIII) e a Asociación Profesional de Enfemeiras de Ontario (RNAO).

Apertura das xornadas

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora da Escola Universitaria de Enfermaría, Asunción Núñez Magdalena; o director xerente do Hula, Ramón Ares Rico; a directora de Enfermaría, EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada, e a presidenta do Colexio De Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello López, foron as persoas encargadas de abrir estas xornadas monográficas sobre novos retos da enfermaría, un foro, que congregou máis de 350 participantes no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) de Lugo e que tivo continuidade en quenda de tarde.

A programación vespertina destas xornadas comezou coa presentacións de comunicacións e pósters sobre investigacións desenvolvidas por alumnado de Enfermaría. A esta sesión, guiada polo enfermeiro Isidoro Rodríguez, seguiulle unha mesa redonda co título ‘Desenvolvemento de competencias de investigación na formación de grao en Enfermaría’. Xa como colofón destas xornadas, estudantes graduados e graduadas o pasado curso na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo expuxeron os seus respectivos traballos de final de grao. A temática tratada nestes estudos de investigación é diversa e abrangue desde a depresión postparto na área centro de Lugo, o síndrome de burnout nos profesionais de enfermaría en UCI e Urxencias do CHUAC, a intervención enfermeira no coidado de doentes diagnosticados de diabetes mellitus, e mesmo o tratamento da enfermaría no equipo dos centros educativos.

De esquerda a dereita, Pérez, Bueno, Ares, Núñez e Bermello, na apertura das xornadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2018.