Ir o contido principal
STG

Tres novos volumes sobre o teatro de Calderón de la Barca profundan na vida e obra do dramaturgo

As tres obras presentáronse este luns na Facultade de Filoloxía
As tres obras presentáronse este luns na Facultade de Filoloxía

Unha biografía e dúas obras sobre aspectos concretos da obra de Calderón de la Barca son os tres volumes que este luns se presentaron na Facultade de Filoloxía dentro das actividades do II Seminario Internacional Calderón de la Barca. Estes tres volumes son da autoría doutros tantos integrantes do Grupo de Investigación Calderón da USC (GIC), dirixido polo profesor Luis Iglesias Feijoo e integrado no Proxecto Consolider-Ingenio ‘Patrimonio Teatral Clásico Español’. Os traballos forma parte dunha liña de traballo que está levando a cabo a edición de todo o teatro de Calderón de la Barca. As obras que se presentaron son Pedro Calderón de la Barca. Cuarta parte de comedias, de Sebastian Neumeister; Don Pedro Calderón, de Don W. Cruickshank; e Psique y alegoría. Estudios del auto sacramental español desde sus comienzos hasta Calderón, de Gerhard Poppenberg. Segundo destacou Luis Iglesias, este catálogo seguirá crecendo nun futuro inmediato coa edición de dous novos títulos, actualmente en imprenta. Dentro do conxunto xeral da edición completa de comedias calderonianas realizada polo grupoGIC, o catedrático da Frei Universitat de Berlín publica o tomo cuarto que corresponde ás doce comedias da Cuarta parte de Calderón. Xunto a esta obra, tamén se presentou “a máis completa biografía” calderoniana escrita polo especialista británico Don W. Cruickshank que “máis alá dos seus valores como documento biográfico, se propón como unha auténtica enciclopedia sobre o dramaturgo”, sinalo Luis Iglesias. Completando a presentación, Psique y alegoría está deseñada como “a monografía máis completa sobre o auto sacramental dende Lope de Vega ata Calderón publicada nos últimos anos”, destacou o director do grupo de investigación. Gerhard Poppenberg, catedrático da Universidade de Heidelberg, recolle nesta obra a tradición filolóxica do calderonismo alemán para ofrecer unha revisión da interpretación ideolóxica e poética do xénero. Seminario O II Seminario Internacional Calderón de la Barca contou na primeira quenda de intervencións coa participación de investigadores do University College (Dublín), Universidade de París-X e da Freie Universitat Berlin, tratando cuestións relacionadas co tratamento do cómico, a función da carta na comedia ou a lectura de La vida es sueño, de Calderón.

Na segunda parte do Seminario debaterase sobre a presenza da política e o imperialismo na España do Século de Ouro ou as claves políticas no teatro de Calderón.

De esquerda a dereita, Gerhard Poppenberg, Luis Iglesias, Don W. Cruickshank e Sebastian Neumeister Público que asistiu ao acto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2010.